Igualdade participa en Riveira na homenaxe ás nais e coidadoras de persoas con discapacidade

Susana López Abella no acto
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou esta mañá na homenaxe que a Asociación Amicos de Riveira lle rendeu ás nais e coidadoras de persoas con discapacidade da localidade.
López Abella salientou a dedicación, o traballo e a xenerosidade das mulleres no coidado de persoas con discapacidade, xa sexan nenos ou maiores. Por iso, cualificou de moi merecido o acto recoñecemento organizado por Amicos -unha asociación de familias de persoas con discapacidade psíquica- a estas mulleres que moitas veces teñen que soportar unha dobre xornada de traballo (a laboral e a de atención a dependentes).
Os datos reflicten que o coidado de persoas con discapacidade é unha actividade feminizada, polo que, segundo López Abella, é preciso estimular tamén a participación dos homes nestas tarefas, así como potenciar a conciencia de xénero, a autonomía persoal das mulleres e prestar atención ao coidado das mulleres coidadoras.











