Éxito de público no Porriño no espectáculo musical infantil “Toc Toc”
Cheo total é o que rexistrou onte o auditorio do Círculo Recreativo Cultural de Porriño co espectáculo musical infantil TOC TOC. Numerosos nenos, a quen ía dirixida a actividade, acudiron cos seus pais e familiares para participar deste programa de dinamización lingüística a través do cal se busca promover o uso da lingua galega, especialmente entre a infancia e a mocidade, enchendo o seu tempo de lecer con actividades de calidade no noso idioma.
A Concellaría de Educación do Concello de Porriño que dirixe Ana Martínez, quen tamén acudiu onte ao evento, e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, trouxeron a Porriño TOC TOC de Pablo Díaz que, tras a xira de TIC TAC, volve cun musical baseado no libro-disco homónimo e no que convida a cantarlle á alegría e á amizade, á vez que inculca nos nenos valores como o ecoloxismo ou a paz dunha maneira lúdica e co galego como lingua.
TOC TOC, enmarcado na terceira edición do programa de dinamización lingüística FalaRedes, estará presente entre marzo e abril en 20 localidades galegas entre elas Porriño.











