Declaración institucional do Consello Sectorial de Pesca en apoio ao sector do cerco de Riveira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiveira
A-
A+

O Consello Municipal de Pesca do Concello de Riveira, reunido na data de hoxe, e ante o proceso de asignación e proposta de xestión e ordenación da pesca de xarda e xurelo por parte da flota de cerco do caladoiro Cantábrico e Noroeste, estima

MANIFESTAR:

Que unha pesca de futuro debe desenvolverse desde un triplo obxectivo de sostibilidade ambiental, social e económica, e para iso deberá ser desenvolvida baixo parámetros que permitan, baixo as cotas dispostas, organizar a actividade no tempo e no espazo baixo un patrón de modernidade e eficacia.

No caso da pesca da xarda ou cabala, temos un claro exemplo que marca que a rota migratoria da especie e o consumo da cota mediante a chamada “pesca olímpica” deixaba a boa parte da flota galega sen a posibilidade de pescar esta especie, alén de supoñer un menoscabo para as nosas lonxas e as nosas industrias transformadoras e conxeladoras ao non poder efectuarse desembarcos importantes de xarda en Galicia.

Neste ano, a repartición das cotas entre embarcacións permitirá que cada armador organice a pesquería de xarda no momento onde a rendibilidade económica, o estado do tempo no mar ou a coordinación con outras pesquerías o recomende ou o estime, sen ter que efectuala nunha carreira por pescar que non beneficia nin a pescadores nin a comercializadores.

Xorden aquí dúas posturas na concepción das medidas de reparto e xestión, na que a flota de Riveira adoptou, aínda non sendo coincidente con outras expresadas por parte da flota galega, unha postura a prol da asignación individual da cota e a xestión dentro das entidades representativas que as agrupan neste porto por entender que é a que mellor se axeita a esa modelo de eficacia e sostibilidade, seguindo o exemplo doutras flotas deste porto.

Iso si, temos un problema común que reside na cantidade exigua que as cotas nos posibilitan a pescar, feito paliado, no caso da xarda, por recentes acordos con Noruega e Illas Feroes que deixan capturar ao cerco galego este ano o dobre da cantidade desembarcada no ano pasado.

Cómpre agora dialogar para dispoñer unha fórmula de xestión moderna, eficaz e que permita aos barcos pescar e facelo con rendibilidade económica. Para iso, e ante os recentes acontecementos publicamente coñecidos, a flota de Riveira, representada neste Consello Municipal de Pesca estima apostar e pide ao sector galego de cerco que se una a esta aposta polo diálogo e debate que nos leve a un acordo entre o sector e non polos enfrontamentos e as imaxes de violencia.

A liberdade, a responsabilidade e o entendemento entre armadores, patróns e mariñeiros que faenan no mesmo caladoiro debe ser o noso rumbo agora. Un rumbo que nos debe levar a ter un sector do cerco sostible, rendible e de futuro polo ben de Riveira e de Galicia.

14 de marzo de 2014 | 20:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.