Das 12.300 alcoholemias realizadas pola policía local do Porriño, só o 2,26% resultaron positivas
A Policía Local de Porriño, dependente da Concellaría de Tráfico e Seguridade Cidadá que dirixe José Manuel Jacobo, presentou a memoria correspondente ao ano 2013 na que se recollen todas as intervencións deste corpo de seguridade formado por 16 axentes (máis cinco auxiliares na tempada de verán), atopándose actualmente á espera da incorporación doutro tres novos policías, que tras aprobar a fase de oposición convocada polo Concello de Porriño iniciarán o curso de capacitación implantado pola Academia Galega de Seguridade.
O alcalde Nelson Santos cualifica de “positivos e mellorados” os datos recolleitos no informe “que avalan o bo traballo da Policía Local no seu obxectivo de velar pola seguridade cidadá e a orde do tráfico rodado, tanto actuando de oficio como por requirimento veciñal, pondo tamén en marcha diferentes programas preventivos e disuasorios co fin de erradicar malas condutas”.
Do informe extráense datos moi significantes. Polo que respecta á seguridade cidadá obsérvase unha importante redución, respecto do ano anterior, na elaboración de ateigados por diferentes infraccións penais, pasando de 417 en 2012 a 265 en 2013; destes 265, 79 foron por accidentes de tráfico, dos cales só en 14 houbo feridos, tendo en conta ademais 5 atropelos de peóns, fronte aos 8 rexistrados en 2012; tamén é a destacar que, do mesmo xeito que o pasado ano, non houbo ningún falecido ou ferido grave. Neses 79 sinistros só 3 condutores deron positivo no control de alcoholemia.
Precisamente no que respecta a probas de alcoholemias, desde a Xefatura da Policía Local, Daniel Rodríguez, indica que durante 2013 realizáronse un total de 12.300, das cales só o 2,26% (278) resultaron positivas, unha cifra mellor que a do ano 2012 si temos en conta que dos 7.250 test efectuados deron positivos 273. Así mesmo, denunciáronse a 18 condutores por conducir dando positivo en drogas; neste sentido, Rodríguez destaca que “somos uns dos concellos pioneiros en Galicia en denunciar e detectar este tipo de infraccións ao volante”.
Outro dato relevante é o descenso de máis do 50% de denuncias elaboradas por circular cun vehículo sen estar en posesión do seguro obrigatorio ou sen ITV, “o que demostra a eficacia policial desenvolvida nos dous últimos anos coa implantación de controis aleatorios de documentación de vehículos, que en 2013 alcanzou a cifra de máis de 20.000”, sinala Rodríguez. Neste sentido, as denuncias remitidas á Xefatura Provincial de Tráfico por circular sen seguro obrigatorio pasaron de ser 221 en 2012 a 113 en 2013, e no caso de non ter a ITV descendeu en 163 denuncias menos, pasando de 246 a 83. Nestes casos, así como noutras situacións, procédese á inmovilización do vehículo, producíndose un total 234 inmovilizaciones en 2013 fronte ás 213 de 2012, así mesmo retiráronse con guindastre 84 vehículos por atoparse mal estacionados, 12 máis que o ano anterior.
Outros datos extraídos do informe son o número de denuncias interpostas cuxa competencia sancionadora lle corresponde á Administración local e as persoas detidas. No primeiro dos casos vólvese a reducir a cifra, si xa o pasado ano anunciábase un descenso do 35%, agora volve diminuír nun 5% aproximadamente (2011: 4.560, 2012: 2.989 e 2013: 2.856). Polo que respecta ao número de detidos tamén se reduciu, en 2012 rexistráronse 18 e en 2013 14 (13 homes e 1 muller; 7 de nacionalidade española e 7 estranxeiros), sendo o motivo máis frecuente destas detencións o roubo con forza.
Daniel Rodríguez resume as actuacións levadas a cabo en 2013 en “o desenvolvemento de clases de educación viaria e simulacros de evacuación en centros educativos, a colaboración cos axentes sociais encargados da loita contra a violencia de xénero, a cobertura nos espectáculos culturais e deportivos –cun especial despregamento na celebración do I Tríatlon Concello do Porriño-, o control do transporte escolar, a colaboración cos bombeiros en incendios e simulacros con empresas e unha rápida e eficaz resposta á demanda cidadá”.
Cabe subliñar que ditas actuacións foron reforzadas polo incremento do material de traballo o que fixo máis fácil o desenvolvemento do labor policial, destacando a ampliación do parque móbil con dous turismos máis e un quad, dispondo así, en 2013, de dous todoterreo, dous turismos, dous turismo para camuflaje, catro motocicletas, un furgón para ateigados e un quad. Outros recursos técnicos dos que dispón a Policía Local de Porriño son etilómetros, equipo de detención de drogas e aparello de medición sonométrica.
A colaboración coa Xefatura Provincial de Tráfico, Garda Civil, Protección Civil e cantos organismos públicos e privados demandan a cooperación da Policía Local seguirá sendo un punto primordial na xestión dos recursos propios e alleos, co obxectivo de dar unha resposta adecuada ás demandas producidas.











