Costa Noroeste abre unha nova convocatoria de axudas para proxectos de desenvolvemento do rural
A Asociación Costa Noroeste, que preside o alcalde ferrolán Jose Manuel Rey Varela, inicia unha nova convocatoria pública de axudas dentro do programa europeo Leader Galicia 2007-2013 para o desenvolvemento de proxectos produtivos e non produtivos para a mellora da calidade de vida e o desenvolvemento das zonas rurais dos concellos que forman parte deste Grupo de Desenvolvemento Rural. Así o acordou na tarde de onte e por unanimidade a xunta directiva desta entidade supramunicipal.
O montante global desta nova convocatoria ascende a 800.000 euros, e os promotores e entidades poderán presentar os seus proxectos a partir de mañá e até o 31 de marzo de 2015 nas oficinas de Costa Noroeste situadas no recinto feiral de A Malata ou na sede que a devandita entidade ten en Ortigueira. Esta nova convocatoria aprobada pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), dependente da Consellería de Medio Rural e do Mar da Xunta de Galicia, supón a ampliación en dous anos do prazo para a execución e financiamento de proxectos no ámbito rural que sexan seleccionados por Costa Noroeste até o setembro de 2015. As bases desta nova convocatoria estarán a disposición a partir de mañá na páxina web da Asociación Costa Noroeste (www.costanoroeste.org)
O obxectivo de Costa Noroeste é traballar polo desenvolvemento sostible do territorio comprendido polos 12 concellos que integran a entidade: Ares, Cedeira, Fene, Ferrol, Mugardos, Narón, Neda, Valdoviño, Cariño, Cerdido, Mañón e Ortigueira