Comezan a construción da nova rotonda que regulará o tráfico na entrada a Riveira dende Palmeira
O Concello informa de que no día de hoxe principiaron as obras para a construción dunha nova rotonda destinada a incrementar a seguridade viaria no acceso a Riveira pola estrada AC-305: unha das súas principais portas de entrada e saída da cidade ao comunicala por unha parte coas localidades de Palmeira e A Pobra e, por outra, coa autovía do Barbanza a través da avenida da Paz.
A empresa Nosa (Nemesio Ordóñez S.A.) é a encargada de realizar esta actuación, que está promovida pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorial e Infraestruturas. Supón un investimento de 170.625,83 euros e prazo de execución son catro meses.
Radio de 18 metros
A nova rotonda, que se sitúa no punto quilométrico 38+060 da estrada AC-305, terá un radio exterior de 18 metros e substituirá á actual disposición en T do elemento que hoxe serve para regular a circulación de tráfico nesta ubicación.











