Catro funcións integran a 7ª mostra de monicreques Ti-ti ritando de emoción en Riveira
A mostra de monicreques Ti-ti ritando de Emoción alcanza este ano a súa sétima edición con catro funcións que se levarán a cabo durante o mes de abril e terán o seu pistoletazo de saída o martes día 1 a través dunha actuación dirixida exclusivamente aos centros de Primaria de Riveira.
A concelleira de Cultura, Elvira Pisos, ofreceu unhas pinceladas do programa acompañada dos traballadores deste departamento municipal Unai González e Chiki Durán.
A devandita función inaugural consistirá no espectáculo “Martín, Martín” que desenvolverá sobre as táboas do Auditorio a compañía Mircromina Títeres. Os centros que acudirán a este espectáculo ás 11 horas son os CEIP O Grupo, Frións, Artes, Olveira, Carreira, Palmeira e Aguiño e os colexios Galaxia, Sagrado Corazón e Bayón.
O resto de representacións sucederanse nos sábados 5, 12 e 26 de abril a partir das 19 horas. Como sempre, terán carácter gratuíto e as entradas poderán ser recollidas no Auditorio media hora antes do inicio das mesmas.
O calendario quedará como segue:
Día 5 de abril. Títeres Cascanueces: “Mr. Pancho e a última función”.
Día 12 de abril: Títeres Tanxarina: “Trogloditas”.
Día 26 de abril: El Retrete de Dorian Gray: “Cabaret de mans”.
Tanto Elvira Pisos como Unai González e Chiki Durán quixeron animar a todos os cativos e cativas do municipio a que non dubiden en asistir a esta programación pensada especialmente para eles e que constitúe ademais un bo estímulo cara o impulso e recoñecemento das compañías e grupos de teatro profesional e afeccionado de Galicia.
Día do Teatro
Os alí presentes quixeron aproveitar esta presentación para dar os parabéns a cómicos, directores, produtores, técnicos e todas as persoas que se dedican ao mundo da arte dramática con motivo da conmemoración precisamente hoxe do Día Mundial do Teatro.
Co fin de celebrar esta efeméride, así como o Día da Poesía acaecido o pasado 21 de marzo, mañá venres o Auditorio Municipal dará cabida a unha representación da compañía Viniscrón, co seu espectáculo “Sobre o Desamor e Outras Mariconadas”.
Será a partir das 21.30 horas nunha sesión gratuíta na que o actor Ricardo de Barreiro e o músico Guillerme Fernández deleitarán ao público coa súa orixinal proposta, combinación de teatro, poesía e música. As entradas poderán retirarse media hora antes do inicio da función.











