Arrancan os traballos de instalación de novos servizos e pavimentación no núcleo riveirense de Cruxeiras
O Concello de Riveira informa do inicio no día de hoxe dunha nova actuación consistente na instalación de redes de saneamento, pluviais e abastecemento e dunha nova pavimentación no lugar de Cruxeiras, un núcleo situado na parroquia de Santa Uxía, subindo dende o barrio de Fondevila.
A empresa Tarrío y Suárez, S.L., é a empresa adxudicataria das obras. O investimento ascende a 187.231,07 euros e o prazo de adxudicación son catro meses.
A zona de actuación carece na actualidade de rede de saneamento e pluviais. Ademais, o pavimento de formigón está bastante deteriorado e un dos camiños nos que se prevé obrar ten un firme de zahorra que o fai intransitable na época de chuvias.
O proxecto elaborado por técnicos municipais prevé no que respecta ao saneamento estender 285 metros de tubaxes de PVC compacta (con diámetros de 235 e de 50 milímetros dependendo da zona) e colocar 12 pozos de rexistro. Tamén implica a colocación de 270 metros de tubaxe de PVC corrugado para pluviais, de diámetros de 235 e 25 milímetros. Tamén se instalarán 13 arquetas sumidoiro, 11 pozos de rexistro e 8 acometidas domiciliarias.
En canto a pavimentación, dando continuidade á estética do veciño barrio de Fondevila, vanse estender 1.420 metros cadrados de adoquín prefabricado de formigón en cores gris e vermello.
Alumeado e luz
Por último, cómpre salientar que a actuación entraña tamén a instalación dunha liña de alumeado cunha lonxitude de 320 metros e a colocación de 16 puntos de luz.











