Apertura de prazo para solicitar os campamentos de verán
A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) do Concello do Porriño, dependente da Concellaría de Mocidade que dirixe Iria Lorenzo, informa da apertura do prazo para presentar in situ a solicitude para participar dos campamentos enmarcados no programa Acción de Verán 2014, convocado pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia.
O obxectivo deste programa é favorecer que a mocidade empregue parte do seu tempo vacacional en actividades de carácter lúdico, cultural, deportivo e formativo, que sirvan non só para divertirse senón tamén para o enriquecemento persoal e vital, ademais de ofrecer a posibilidade de coñecer outros territorios da xeografía nacional.
Haberá diferentes quendas durante os meses de xullo e agosto podendo participar persoas de entre 9 e 17 anos. Todos aqueles interesados poden obter unha maior información e entregar a súa solicitude nas dependencias da OMIX, no centro cultural municipal, con prazo até o mércores 9 de abril, ás 14.00 horas.
Na programación inclúense ademais destes campamentos xuvenís para menores de 18 anos, dúas actividades para mozas de entre 18 e 30 anos: “Cultura e camiño”, consistente na realización de diferentes etapas do Camiño de Santigao, e “Ou mar de Galicia”, actividades dirixidas ao coñecemento do medio mariño.











