Ana Peleteiro e José Luis Gómez, “Joselu”, gañadores absolutos da IX Gala do Deporte de Riveira

Foto de grupo dos premiados
A emotividade e a pulcritude escénica conformaron unha vez máis a tónica predominante da Gala do Deporte de Riveira na súa novena edición: un acontecemento que volveu encher o patio de butacas do Auditorio Municipal con case trescentas persoas congregadas co fin de distinguir e aplaudir os mellores deportistas, clubs, entidades e colaboradores deste concello na tempada 2013.
Nesta ocasión, a triplista do F.C.Barcelona Ana Peleteiro Brión e o futbolista do S.D.Compostela José Luis Gómez, “Joselu”, erixíronse nos mellores deportistas absolutos en categorías feminina e masculina, en tanto que o Natural Sport Videlgi repitiu como mellor club.
Introdución musical
A Gala, de algo máus dunha hora e media de duración, deu comezo coa actuación musical do grupo local Wanted, que tanto na parte inicial como no intermedio deleitou aos espectadores co seu enorme talento musical, interpretando potentes temas de grupos como Nirvana ou Bon Jovi.
O turno de premiados abriuse coas categorías de Patrocinio Deportivo, que recaeu na empresa Serdeco (recolleu o galardón Eva Nieto); Mellor Xuiz Árbitro, no que foi distinguido o colexiado Joaquín Ventoso Noal; Mellor Labor Informativo, en que se obsequiou ao xornal Diario de Arousa (recolleu o premio o director José Pereira Alcántara) e Mellor Evento Deportivo, que foi a Ruta do Nadal BTT e recolleu o obsequio o presidente do Club Ciclista OS Os Saltamontes, Juan Santos.
Acto seguido tivo lugar o bloque dedicado ás mencións especiais, que foi sen dúbida ningunha un dos momentos da gala en que os aplausos do público resoaron con máis forza. O primeiro en subir ao escenario foi Juan Hombre Dopazo, ao quen se lle recoñeceu por levar corenta anos dedicados ás artes marciais e por ser o precursor das artes marciais no municipio de Riveira (cabe dicir a modo de curiosidade que lle entregaron o galardón dous dos seus ex alumnos: os edís Elvira Pisos e Victor Reiriz). Entre bágoas, Juan Hombre dirixuse á asistencia nun emocionante discurso no que manifestou que el sempre tivo a Riveira no corazón e que unha imaxe do municipio ilustrará o cartel da película que se está realizando sobre a súa vida.
Tamén houbo altas doses de emoción na intervención da ex atleta María José Martínez Patiño, pioneira en Riveira no deporte de alto nivel, con campionatos galegos e de España e participacións internacionais, mantendo durante moitos anos os récords de España de vallas, relevos e velocidade. Martínez Patiño referiuse á “revolución silenciosa” que experimentou o deporte no concello dende que, con Manuel Ruiz como concelleiro de Deportes, se creara a escola municipal de atletismo e manifestou que Riveira é hoxe a nivel deportivo un espello onde se poden mirar moitos concellos non só de Galicia senón de toda España.
A terceira e última mención especial tivo como protagonista o equipo do club Atlético Riveira que na tempada 1978/1979 acadara o ascenso á terceira división de fútbol, sendo o único conxunto futbolístico masculino que conseguiu militar varias tempadas en categoría nacional, chegando a participar na Copa do Rei. Recolleu o galardón o presidente do club, Alberto Villaverde, acompañado de dous xogadores daquel equipo: Coira e Seijo. Entregou a escultura o alcalde Manuel Ruiz, quen fora tamén integrante daquela histórica formación.
O penúltimo bloque de galardóns estivo formado polas categorías de Mellor Entidade Educativa na Promoción do Deporte Escolar (recaeu no Colexio Bayón e recolleu o obsequio Vicente Fernández García xunto a profesores e alumnos do centro), Mellor Club na Promoción do Deporte Base e Deporte para Todos (distinguiuse ao Sálvora C.F., recollendo o premio o coordinador de fútbol base José Luis Campaña), Mellor Equipo Feminino (o do Natural Sport Videlgi) e Mellor Equipo Masculino (equipo senior do Atlético de Riveira, recollendo o premio o seu presidente Alberto Villaverde).
No último turno de galardóns, o Mellor Deportista con Discapacidade foi Alejandro Vidal Álvarez, campión do mundo de parataekuondo en Lausanne (Suiza). Como Mellor Deportista Promesa Masculino e como Mellor Deportista Promesa Feminina tamén venceron dous combatentes do Natural Sport Videlgi: Miguel Cobas López e Ainhara Brión Cameán. Mellor Adestrador foi designado polo xurado Manuel Ángel Pena Suárez, do Atlético Riveira. E Mellor Club, unha vez máis o Natural Sport Videlgi, que en 2013 acadou o 7º camionato de España consecutivo e o subcampionato de Europa en Atenas (recolleu o galardón o presidente José Francisco Agrelo, acompañado da directiva Encarnación Casanova).
Finalmente, Ana Peleteiro foi nomeada Mellor Deportista Feminina polos seus campionatos de España Junior, tanto ao aire libre como en pista cuberta, e o seu subcampionato de España Absoluto, ademais de acadar unha medalla de bonce no Campionato de Europa Júnior (recolleu a distinción creada polo artista local Jontxu Argibay o pai da deportista, José Peleteiro, por estar aquela en competición fóra de Galicia). Entre os méritos de José Luis Gómez Pérez, “Joselu”, como Mellor Deportista Masculino, pesaron os 26 goles que logrou co S.D. Compostela, sendo o máximo goleador da categoría e converténdoo nun dos artífies do ascenso do conxunto santiagués á 2ªB.
Antes de finalizar a Gala, Manuel Ángel Pena dirixu unhas palabras de agradecemento no nome dos galardoados (tivo palabras de lembranza ao seu compañeiro José Manuel Martínez Sampedro “Mariscal”) e a continuación interviu para pechar o acto o alcalde Manuel Ruiz, quen ratificou a aposta do Concello por seguir impulsando a actividade deportiva en todas as súas vertentes.











