Ampla oferta de produtos na II Feira de Inverno do comercio de Riveira
Roupa infantil, xuvenil e de adulto, material deportivo, bisutería e todo tipo de complementos, calzado de home e de muller ou mesmo produtos gourmet son algúns dos artigos que a prezos moi asequibles se poden mercar dende hoxe na segunda edición da Feira de Inverno do Pequeno Comercio: un certame que se desenvolverá na avenida do Malecón ata este domingo baixo a organización da Asociación de Empresarios e co apoio do Concello.
Unha das grandes novidades do evento é a zona de 200 metros cadrados destinada á hostalería, na que catro establecementos pertencentes ao Centro Hostaleiro Aberto ofrecen a oportunidade de degustar in situ unha variada oferta de produtos gastronómicos.
A feira foi inaugurada hoxe polo alcalde Manuel Ruiz e o presidente da Asociación de Empresarios, Antonio Miranda, nun evento que contou tamén coa intervención de José Ramón Romero en representación da Federación de Empresarios de Barbanza e a asistencia de numerosas autoridades, entre elas o senador José Luis Torres Colomer, a filla adoptiva e presidenta das Amas de Casa, Magdalena Bringas, ou o concelleiro de Comercio Anxo Orellán.
Tanto o alcalde como os presidentes das patronais local e comarcal expresaron a súa esperaza en que a feira sirva para incrementar as ventas dos expositores participantes e animaron aos veciños a que non deixen de acudir a unha iniciativa que crece con respecto á edición anterior.
Neste senso, un total de 38 negocios quixeron implicarse nun certame que alcanza os 1.000 metros cadrados expositivos entre as dúas carpas habilitadas, unha de forma anexa á outra.











