A vaca asturiana Badiola Goldwyn Megate I ET acada o título de Gran Campioa
A vaca Badiola Goldwyn Megate I ET, propiedade da gandería Badiola Holstein, de Gozón (Asturias), obtivo o premio Vaca Gran Campioa no XXXII Open Internacional de Gando Frisón celebrado no marco do III Monográfico da Gandería e a Agricultura, GandAgro 2014, o cal pechou as súas portas este sábado no recinto Feira Internacional de Galicia en Silleda.
Rey 547 Sonrrisa Sid, da SAT Rey de Miñotelo, de A Pastoriza, obtivo neste concurso internacional a Reserva Gran Campioa, mentres que Badiola Amazing Sandra, de Badiola Holstein, se fixo coa Mención de Honra.
En canto ao XXIII Concurso Autonómico, a Vaca Gran Campioa de Galicia foi Rey 547 Sonrrisa Sid (que acadou tamén a Reserva Gran Campioa no Internacional), mentres que a Reserva Gran Campioa foi Cid Goldwyn Matigueira ET, de SC Gandería Cid, de Barreiros. A Mención de Honra foi para Casilmoure Goldwyn Laura, da Gandería Blanco, de Lalín.
Por outra banda, o galardón de Mellor Criador Internacional recaeu en Badiola Holstein, sendo subcampioa SAT Rey de Miñotelo. O Mellor Criador de Galicia foi a gandería SAT Rey de Miñotelo e o segundo posto foi para SC Gandería Cid.
Onte xa se decidira no marco destes certames Autonómico e Internacional a Xovenca Gran Campioa, que foi Casa-Nova Delia Fever 943, da SAT Casa Nova, de Mesía, en ambos concursos.
En total, aos certames presentáronse 157 animais de ganderías procedentes de Galicia, Asturias e Cantabria. Organizados pola Federación Frisona Galega (Fefriga) e a Fundación Semana Verde de Galicia, foron xulgados por Santiago García Souto, xuíz internacional de Conafe.
Xóvenes manexadores
No marco de GandAgro tamén se celebrou o XXX Concurso de Xóvenes Manexadores de gando frisón “Memorial Luís Louzao”. A campioa foi Cristina Carro Iglesias, da SAT Casa Nova, de Mesía, mentres que o subcampión foi José Manuel Sánchez Vigo, da gandería Agrociocende, de Boiomorto. En canto á Mención de Honra, recaeu en Óscar Castro García, da SAT A Vereda, de A Pastoriza.
No concurso participaron xóvenes procedentes de Boimorto, A Pastoriza, Abadín, Mesía, Chantada, Lalín, Carballo e Agolada.











