A praza de abastos de Porriño acolle unha degustación para promocionar a carne de porco selecta
A praza de abastos de Porriño non deixa de celebrar actividades dirixidas a todos os seus usuarios e veciños en xeral, “accións que serven para promocionar todos os produtos que aquí se venden, mostrando a súa calidade e o trato personalizado dos placeiros cos clientes”, subliña a concelleira de Prazas e Mercados María José Martínez.
Nesta liña, o vindeiro martes, 4 de marzo, desde as 09.30 e até as 13.30 horas, Coren realizará unha degustación de produtos da súa gama Selecta de porco alimentado con castañas, que permitirá aos presentes coñecer e saborear esta nova clase de carne. Unha iniciativa coa que a cooperativa quere promocionar os produtos tradicionais galegos e mostrar a súa gran calidade. O público que se achegue poderá probar os principais produtos da gama, como secreto, presa, carrillada ou chuletas, que se cociñarán alí mesmo, á prancha.
A gama Selecta é o resultado dun proxecto de investigación realizado polo grupo Coren que buscaba unha carne de porco diferente, zumenta e cun sabor tradicional. Baséase en tres premisas: raza seleccionada para favorecer a infiltración de graxa, crianza tradicional en pequenas explotacións de Galicia e coas máximas condicións de benestar, e alimentación a base de castañas. O resultado é unha carne de porco diferente á tradicional, máis veteada, zumenta e cun sabor auténtico. A gama Selecta conta cunha ampla variedade de produtos frescos e tamén curados (entre os que destacan os xamóns), todos eles recoñecidos co selo de Galicia Calidade. Tamén foi premiada como Produto do Ano 2014.
Entroido na praza
Coincidindo con martes de entroido, día de mercadillo e de maior afluencia á praza, os vendedores de todos os postos puxéronse de acordo para ir engalanados durante esta xornada. Así, con espírito carnavalesco, eles disfrazaranse de Mickey Mouse e elas de Minnie e atenderán aos seus clientes como cada día pero nun ton máis humorístico e satírico propio destas datas.











