A Omix do Porriño organiza o VIII certame fotográfico ‘Viaxando’
A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) do Concello de Porriño, dependente da Concellaría de Mocidade que dirixe Iria Lorenzo, despediu hai uns días as 42 fotografías que compoñen a sétima edición da exposición Viaxando e anuncia xa a convocatoria do oitavo certame, encargándose nesta ocasión da organización do mesmo.
O obxectivo deste concurso é a promoción de actividades varias para mozas dentro dun traballo en rede que veñen realizando conxuntamente a OMIX dos concellos de Porriño, O Rosal, Tomiño, A Guarda, Baiona, Salceda de Caselas, Gondomar e o Espazo Xove de Tui.
Do mesmo xeito que en anteriores convocatorias, nesta oitava poderán participar todos os mozos de entre 12 e 35 anos presentando unha única fotografía que terá que ser orixinal e inédita, cunha temática que responda ao propio título do certame, Viaxando.
Ditas fotografías deberán presentarse nas instalacións de calquera das entidades organizadoras con prazo até o día 15 de setembro de 2014. Estas terán que entregarse en papel fotográfico, cun tamaño de 25×30 e sempre pegadas sobre unha cartolina negra DIN A3, e en sobre pechado coa indicación “Viaxando” no exterior do mesmo. Cada fotografía levará ao dorso o pseudónimo do autor e, de ser o caso, o título da mesma, e acompañarase con outro sobre pechado no que figurará novamente o pseudónimo do autor recollendo no interior os seus datos persoais (nome, apelidos, domicilio, teléfono e fotocopia do DNI). Concederase un único premio consistente nunha tablet.
Unha vez fágase público o fallo do xurado, que será o día 2 de outubro de 2014, todas as fotografías presentadas formarán parte dunha exposición itinerante que percorrerá os municipios organizadores, inaugurándose oficialmente en Porriño, como entidade organizadora nesta edición, o luns día 6 outubro de 2014.
Para máis información deben dirixirse ás dependencias da OMIX de Porriño, sitas no centro cultural municipal, en horario de 09.00 a 21.00 horas de luns a venres e de 10.00 a 14.00 horas os sábados, ou consultar as bases na web www.concellodoporrino.net











