A oficina de asesoramento tecnolóxico do Porriño dará servizo a 33.000 microempresas e autónomos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaO PorriñoPontevedra
A-
A+
Inauguración CPAE do Porriño

Inauguración CPAE do Porriño

As claves para aforrar nas comunicacións dunha empresa, xestionar un negocio on-line, controlar o stock desde o móbil, operar na banca electrónica ou pór en marcha plataformas de comercialización a través de Internet son algunhas das consultas que empresarios e autónomos poderán realizar na oficina do Centro Provincial de Asesoramento Empresarial 2.0 (CPAE 2.0) localizada en Porriño, no Multicentro de Torneiros, e que foi inaugurada esta mañá. O alcalde do Concello de Porriño, Nelson Santos; o concelleiro de Emprego e Formación e de Novas Tecnoloxías, M. Alejandro Lorenzo; a deputada provincial, Marta Igrexas e o xefe de Servizos de Novas Tecnoloxías da Deputación de Pontevedra, Amancio Varela, presidiron o acto ao que asistiron decenas de empresarios non só da vila do Louro senón doutros municipios próximos , e é que esta nova oficina, xunto coa que se abrirá en Vigo, ofrecerá asesoramento aos máis de 33.000 autónomos e pequenas empresas (de cinco ou menos empregados) asentados nas comarcas de Vigo e Baixo Miño, que representan máis da metade do tecido empresarial da provincia. Complétase así unha rede con 6 puntos localizados en Porriño, Vigo, Cambados, Lalín, Ponteareas e Pontevedra.

Este servizo de información e asesoramento personalizado en relación ás tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) e ás novas tecnoloxías abre as súas portas tras a firma do convenio entre a Deputación de Pontevedra e o Concello de Porriño, mediante o cal este último pon a disposición da Administración Provincial o local no que se sitúa a oficina. Santos subliñou a importancia desta “gran iniciativa”, cualificándola como “unha nova ferramenta dirixida ás pequenas empresas e autónomos a modo de impulso desde o punto de vista das novas tecnoloxías e da modernización tecnolóxica dos seus negocios co obxectivo sempre de mellorar a súa competitividade no mercado”. Se tata dun asesoramento tecnolóxico adaptado ás necesidades de cada unha das empresas, individualizado, personalizado e confidencial, e que os usuarios poderán recibir tanto de forma presencial como on-line ou vía telefónica.

O servizo ofrecerá apoio, asesoramento e información en materias como presencia web, equipamento informático, ferramentas informáticas de xestión, acceso a Internet, banca electrónica, uso empresarial das redes sociais, comercio electrónico, licitación e factura electrónica, plataformas de comercio virtual e administración electrónica. “Será un novo servizo que complementa aos que desde Porremprego xa ofrecemos a todo o tecido empresarial local, cuxas actuacións se fundamentan en tres alicerces básicos: formación, emprego e autoemprego, abarcando neste último caso desde o asesoramento integral, a axuda na tramitación e constitución da empresa, o apoio na elaboración do proxecto empresarial e información sobre as axudas e liñas de financiamiento aplicables ao proxecto”, explica M. Alejandro Lorenzo. Neste sentido, Marta Igrexas puxo a Porriño como “modelo de concello a seguir, traballando intensamente a prol do fomento e da creación de emprego”.

A deputada incidiu en que a posta en marcha do CPAE “vén facilitarlle o camiño ás pequenas empresas, pois as grandes dispoñen habitualmente de medios técnicos e económicos para sacarlles proveito a todos os avances en tecnoloxía, polo que o obxectivo é que as microempresas fagan uso tamén das novas tecnoloxías para mellorar a súa xestión, a súa produtividade, a súa relación co cliente e a comercialización dos seus produtos”. Desta maneira, Igrexas mostrouse convencida de que iniciativas como estas “son unha boa base para a modernización do noso tecido empresarial, que van contribuír de forma decidida a que melloren a súa capacidade para competir nun mercado cada vez máis esixente”.

Nestas instalacións, que comezarán a funcionar xa o luns, os autónomos e pequenos empresarios terán á súa disposición a dous técnicos especializados que responderán ás súas dúbidas e consultas, ofrecéndolle ademais asesoramento, orientación e apoio na modernización tecnolóxica dos seus negocios. A oficina, situada na planta superior do Multicentro de Torneiros, estará aberta de luns a venres en horario de 10.30 a 21.00 horas e o sábado de 10.30 a 14.00 horas.

O acto, ao que tamén asistiron concelleiros do equipo de Goberno local e autoridades municipais dos concellos aos que dá servizo esta nova oficina (Tui, O Rosal, Mos, Gondomar e Nigrán, entre outros), concluíu cunha visita guiada ás instalacións mediante a cal os asistentes puideron coñecer a súa composición. Por unha banda, conta cunha oficina de atención aos usuarios e, por outra, cunha aula de actividades con computadores portátiles e cuxo uso será a celebración de diferentes cursos e de actividades de demostración de produtos e soluciones TIC.

22 de marzo de 2014 | 19:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.