A nova plataforma web turístico-patrimonial de Riveira converterase en revulsivo na comercialización

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaRiveira
A-
A+
Presentación da web

Presentación da web

Unha sesión informativa entre empresarios e asociacións serviu na noite de onte para ofrecer no Centro Cultural Lustres Rivas unha primeira aproximación á nova plataforma web turístico-patrimonial do municipio: unha das actuacións incluídas no proxecto Riveira Atlántica, cofinanciado nun 70% con fondos Feder, que está chamada a ser un revulsivo na comercialización do concello como destino. Con tal motivo, dous técnicos de Avansig, empresa encargada da elaboración destes traballos, compareceron xunto ao alcalde para amosar o enorme potencial dunha iniciativa que, en palabras de Manuel Ruiz, “é moitísimo máis que unha páxina web e está na primeira división das ferramentas tecnolóxicas deste tipo”.

A plataforma non só está orientada ao visitante, senón que tamén o propio cidadán se verá beneficiado por un amplo abano de servizos conducentes a mellorar a comunicación administración-administrado. E todo isto poderá realizarse tanto a través da dirección web turismo.riveira.es, que xa está habilitada en fase de probas e corrección de erros, como mediante dúas aplicacións para teléfonos móbiles: ‘Smart Riveira’ (orientada a cidadáns) e Turismo Riveira (orientada a visitantes). Ambas xa están dispoñibles en versión beta na ‘App Store’ (teléfonos iPhone) e en Google Play (dispositivos con sistema operativo Android).

No que atinxe ao apartado turístico, o visitante terá en primeiro lugar un acceso en profundidade a un amplísimo número de lugares a visitar. Para tal fin foron rexistrados un total 413 elementos de patrimonio cultural (tanto de tipo arquitectónico -pazos, faros, igrexas, hórreos, etc.- como arqueolóxico -dólmenes, petróglifos, mámoas…-), así como 77 elementos de patrimonio natural (lagoas, dunas, miradoiros, parques naturais, rochas…) e 49 praias.

Pero o turista tamén terá cumprida información sobre onde aloxarse, onde comer, a que eventos asistir, onde comprar ou que medios de transporte e outros servizos de interese ten á súa disposición. Sobre este tenor, cada empresa ou entidade terá a oportunidade de rexistrar os seus respectivos establecementos e actualizar a súa información: un aspecto en relación ao cal Ruiz Rivas resaltou a importancia da implicación dos propios comercios, establecementos de hostalería, aloxamentos ou asociacións, xa que “a ferramenta vai ser máis útil canto máis xente a coñeza e participe dela”.

Notificación de incidencias

Por outra parte, o cidadán terá ao seu dispor unha gran multiplicidade de posibilidades tanto en canto a servizos, noticias, aluguer de instalacións, etc… que pronto se verán complementadas cunha nova páxina web municipal. Entre as moitas prestacións cabe destacar a de poder notificar incidencias tales como desperfectos no mobiliario urbano ou outras deficiencias, así como realizar un seguimento das súa inquietudes ata quedar solucionadas.

Co fin de afondar nas potencialidades da ferramenta, as empresas e asociacións terán oportunidade de participar nunha sesión formativa o próximo mércores en horario de mañá na Aula Multimedia de Riveira situada en Cubeliños. Proximamente haberá unha presentación pública.

7 de marzo de 2014 | 14:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.