A fundación ‘Amigos de Galicia’ e a Consellería de Traballo forman a 52 persoas en Riveira
A Consellería de Traballo e Benestar destinou en 2013 un total de 38.000 euros para financiar catro cursos que foron impartidos pola Fundación Amigos de Galicia e que chegaron a un total de 52 beneficiarios. O obxectivo desta actuación é acadar a integración social e laboral dos destinatarios destas actividades.
A directora xeral de Familia e Inclusión, Amparo González, entregou hoxe os diplomas aos 11 participantes do curso de auxiliar á terceira idade, que se impartiu en Riveira. A maiores desta actividade formativa, o departamento autonómico financiou a esta entidade tres cursos máis: de monitor sociocultural; de coidador e acompañante de autobús escolar; e de iniciación ao galego.
Hai que lembrar, segundo explicou a responsable autonómica, que ademais destes cursos formativos, mantéñense máis liñas de colaboración coa Fundación Amigos de Galicia. En total, esta entidade recibiu en 2013 un total de 90.000 euros por parte da administración autonómica.
A Consellería de Traballo e Benestar está a reforzar o seu traballo cos colectivos en risco de exclusión social, e, deste xeito, en 2013 a orde de inclusión destinada a entidades de iniciativa social reforzouse e ampliouse en preto de 370.000 euros. Así, a esta actuación destináronse 3,25 millóns de euros, un 13 por cento máis que en 2012, o que permitiu apoiar a actividade de 105 entidades de iniciativa social. De cara a 2014 prevese poder apoiar a máis de 100 entidades.
Esta iniciativa inclúese no compromiso da Xunta cos máis necesitados. A nova Lei de Inclusión de Galicia busca potenciar a inserción laboral do colectivo con risco de exclusión para evitar que estas situacións se cronifiquen no tempo.
Este compromiso plasmouse tamén nos orzamentos deste ano 2014, nos que as partidas globais de inclusión social ascenden a 59,2 millóns de euros, isto é, un 13,6% máis que nos orzamentos do 2013.
Así mesmo, o departamento autonómico segue ampliando ano tras ano o orzamento da RISGA, á que se destinará este ano unha partida inicial de 39,7 millóns de euros, un 21,4% máis que en 2013, co fin de dar resposta ás persoas que máis o precisen.











