A feira GandAgro 2014 acolleu os seus primeiros “Encontros Gandeiros” durante a primeira xornada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSilleda
A-
A+
Un dos encontros da primeira xornada de GandAgro

Un dos encontros da primeira xornada de GandAgro

O III Monográfico da Gandería e a Agricultura, GandAgro 2014, que se celebra ata o vindeiro sábado no recinto Feira Internacional de Galicia acolleu ao longo de toda a xornada de hoxe a primeira edición dos seu “Encontros Gandeiros”.

Organizados pola Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, estes Encontros contaron coa presenza de seis expertos en diversos ámbitos do sector, os cales debullaron temas de gran interese para os profesionais do sector agropecuario.

Así, este foro abriuse co plan de vixilancia e control en Galicia da vespa velutina, unha avespa invasora procedente de Asia, sendo o encargado de expoñelo Jesús Javier Orejas Fernández, xefe do Servizo de Sanidade Animal da Consellería do Medio Rural.

A continuación abordouse a xenética bovina. Foi a través de dous relatorios, “O touro xenómico: a selección xenómica no gando bovino”, da man de Mauricio de los Santos García, xenetista de Xenética Fontao; e as “Aplicacións da fecundación in vitro na mellora xenética do gando bovino”, intervindo neste último Rubén Francisco Vázquez, responsable de laboratorio de fecundación in vitro de Xenética Fontao, e Héctor Areán Dablanca, veterinario desa mesma entidade.

Por outra banda, María Jaureguízar Redondo, coordinadora da Plataforma Tecnológica Española de Sanidad Animal Vet+I, analizou o uso responsable de medicamentos veterinarios.

O último dos temas que se tratou nos Encontros foi “Os autocontrois na alimentación animal”. Neste caso a encargada de desenvolvelo foi Luisa Delgado Núñez, responsable técnica de Agafac (Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos).

13 de marzo de 2014 | 19:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.