A Deputación de Pontevedra crea unha rede de centros de asesoramento en novas tecnoloxías que atenderá a 64.000 empresas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambadosLalínLocal PortadaO PorriñoPonteareasPontevedraVigo
A-
A+
Presentación CPAE

Presentación CPAE

O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, asinou hoxe convenios con varios concellos da provincia para poñer en marcha un servizo de asesoramento a empresas en materia de novas tecnoloxías e para o desenvolvemento dun proxecto piloto de xestión de activos municipais.

No primeiro caso trátase da creación –no marco do proxecto “depoTIC”– dun Centro Provincial de Asesoramento Empresarial 2.0 (CPAE) que dea servizo ás máis de 64.000 microempresas da provincia (de 5 ou menos empregados), axudándolles a mellorar a súa competitividade por medio do uso das novas tecnoloxías. En canto ó plan de xestión de activos, este busca definir a estratexia, as ferramentas e os recursos necesarios para que os concellos poidan dispoñer dun inventario preciso dos seus activos e de mecanismos para mellorar a súa xestión, gañar en eficiencia e aforrar custos.

Centro de Asesoramento Empresarial

O CPAE contará cunha rede de 6 oficinas, integrada por unha sede central situada no Edificio Administrativo da Deputación en Pontevedra, que dará servizo ós 12.800 autónomos e micropemes das comarcas de Pontevedra e O Morrazo e que funcionará tamén como centro de coordinación de toda a rede que, á súa vez, constará de cinco oficinas comarcais en Cambados, Lalín, Ponteareas, O Porriño e na sede de Vigo do organismo provincial.

As oficinas estarán abertas 60 horas semanais, de luns a venres de 10:00 a 21:00 e os sábados de 9:00 a 14:00 horas, co obxectivo de adecuarse o máximo posible ós horarios dos pequenos empresarios e autónomos.

A rede contará con 17 expertos a disposición das microempresas, con asesores en cada unha das oficinas e con 5 técnicos cualificados na oficina central, dedicados á creación de contidos, á xestión do Centro de Comercio Virtual e á coordinación e ó apoio á actividade de toda a rede.

Para facilitar o acceso a este servizo os autónomos e pequenos empresarios poderán obter asesoramento tanto de forma presencial coma por vía telefónica ou a través da internet. Recibirán apoio e formación en cuestións como presenza web, equipamento informático, ferramentas informáticas de xestión, acceso a internet, banca en liña, sinatura electrónica, administración electrónica, uso empresarial das redes sociais, comercio electrónico, licitación e factura electrónica, solucións sectoriais como, por exemplo, a utilización de terminais de punto de venda ou plataformas de comercio virtual, entre outras.

Xestión de activos municipais

No que respecta ó proxecto piloto de xestión de activos municipais, este implantarase a modo de proba nos concellos de Mos, A Estrada e Ribadumia. É parte do programa depoGAP”, que está cofinanciado nun 70% polo Ministerio de Facenda con fondos FEDER,.

O traballo que se vai realizar durante 25 semanas nestes municipios permitirá definir as ferramentas e os mecanismos máis axeitados para a implantación de modelos de xestión máis eficientes no conxunto da provincia.

Nesta liña, o presidente da Deputación recoñeceu que na actualidade hai aínda “moito traballo por facer” no que respecta á identificación, inventario e control dos activos que os concellos teñen, desde contedores ata iluminación, redes de saneamento e outros.

O obxectivo do organismo provincial é, precisamente, facilitarlles ós concellos o inventario e a xestión destes activos e establecer, ademais, propostas de mellora da eficiencia e de aforro de custos.

Segundo se recolle nos acordos asinados coas entidades locais de Mos, Ribadumia e A Estrada, o traballo que agora se vai realizar incluirá o estudo de qué activos municipais son os máis idóneos para o seu inventariado, priorizando os que xeren un maior volume de gasto e que, polo tanto, permitan maiores aforros con medidas de eficiencia; a identificación da información que é necesario obter de cada un; elaboración do inventario; deseño e elaboración de normas e procedementos que permitan a actualización continua dos activos municipais; definición e creación do sistema de xestión  de activos; propostas que permitan o aforro e a mellora da xestión de activos e unha auditoría enerxética para definir propostas e medidas de aforro.

Todo este material porase a disposición dos respectivos concellos.

7 de marzo de 2014 | 17:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.