A Biblioteca Municipal do Porriño bate récord de préstamos e usuarios
A Biblioteca Municipal de Porriño continúa a súa traxectoria ascendente e convértese nunha das bibliotecas máis dinámicas e activas de Galicia. Así o indican as estatísticas da Rede de Bibliotecas de Galicia, organismo que aglutina a 1.500 puntos de servizo de toda a comunidade autónoma, e onde se inclúen bibliotecas municipais, escolares, de museos ou fundacións, con excepción das provinciais e universitarias. “A biblioteca municipal de Porriño destacou tanto polo número de préstamos, o incremento de usuarios e tamén por ter un catálogo e un portal en Internet que rexistrou no último ano máis dun millón de visitas”, sinala a concelleira de Cultura Teresa Veloso.
Albino Alonso e David Pérez, persoal á fronte da biblioteca porriñesa, indican que, “segundo datos proporcionados pola Xunta de Galicia referidos ao 2013, a biblioteca porriñesa é a segunda que máis préstamos realizou ao longo do ano pasado en toda a rede bibliotecaria de Galicia, cun total de 13.308 obras”. Unha cifra que foi en aumento ano a ano e que agora bate a súa propia marca, pois en 2011 rexistráronse 10.503 e en 2012 12.092 préstamos. Unido a este dato está tamén o de usuarios, que foi crecendo paulatinamente até alcanzar os 4.676, dos cales 387 correspóndense a novas altas en 2013.
Cabe destacar que o catálogo e o portal da Biblioteca de Porriño son os máis consultados de toda Galicia, só por detrás do Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago, rexistrándose 1.335.005 visitas ao portal e 1.008.818 consultas ao catálogo. “Un feito que probablemente se debe á importancia do proceso técnico e da catalogación levada a cabo por Alonso e Pérez, e á actualidade e calidade do fondo bibliográfico e de DVD’s”, sinala a concelleira, e é que como asegura o alcalde Nelson Santos “a pesar da crise económica, e entendendo á biblioteca como un servizo social clave, desde o Concello está a facerse un esforzo por manter a partida destinada á compra de novos materiais. Desta forma, os andeis da biblioteca seguen recollendo cada mes as novidades editoriais e aumentando a súa colección de películas, que xa se converteu nun referente de toda a comarca”.
Recentes iniciativas como o bookcrossing ou os centros de interese relacionados coa gastronomía, a autoaxuda, o cómic, as viaxes, as solucións para problemas de pais e educadores, a aprendizaxe de inglés e o traballo e o estudo, e outras actividades xa consolidadas como o programa de animación á lectura Ler conta moito, “non fan senón confirmar que a institución porriñesa segue liquidando a crise con traballo e ilusión, dada tamén a resposta positiva por parte da cidadanía, que acode cada vez con máis asiduidade a estas instalacións”.
Estes novos datos proporcionados pola Xunta de Galicia confirman a vitalidade desta biblioteca que xa recibiu varios premios de ámbito autonómico e estatal. Estudantes, desempregados, traballadores, xubilados e nenos acoden asiduamente a este lugar público para estudar, traballar, completar a súa formación, facer uso dos libros e películas en DVD, dos centros de interese (seccións temáticas ao redor de materias específicas), da conexión aberta a Internet ou simplemente como lugar de interacción social.











