60 deportistas competirán en Teira na primeira copa de Canicross e Bikejöring Cidade de Riveira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesRiveira
A-
A+
Presentación da Copa Canicross Riveira

Presentación da Copa Canicross Riveira

Na mañá deste domingo 9 de marzo no entorno do lugar de Teira (Corrubedo) terá lugar a primeira edición da Copa de Canicross e Bikejöring Cidade de Riveira. A cita foi presentada polo concelleiro de Deportes Juan Luis Martínez, polos representantes dos clubs colaboradores Agacett (Marco Antonio Pérez) e Natural Oudoor Experience (José Francisco Agrelo), e polo campión de España da especialidade Alejandro Gómez, presidente do Club Alejandro Gómez de Canicross.

Juan Luis Martínez informou de que este certame nace tras o éxito da travesía de media distancia de mushing celebrada na primavera do ano pasado, co fin de dar continuidade a unha experiencia que causou moi boas sensacións. A catro días do desenvolvemento da proba e a falla de pechar o prazo de inscrición (finaliza hoxe) as previsións de participación duplican as estimacións iniciais ata alcanzar os sesenta deportistas. De eles, uns quince procederán da comarca barbanzana.

O certame constará de tres competicións. Ás 10.30 horas dará comezo a proba oficial de canicross (carreira a pé en compaña din can) que se efectuará sobre un percorrido de 6 quilómetros que atravesará puntos como o muíño de Espiñeirido (non se pisará a praia) e o monte Facho para finalizar na propia aldea de Teira. A continuación terá lugar a proba de bikejöring (en bicicleta na compaña dun can) pola mesma ruta de 6 quilómetros.

E despois terá lugar unha nova proba de canicross, versión afeccionado, sobre unha distancia de 1,5 quilómetros. A xornada rematará coa entrega de premios no medio dunha festa cunha charanga e degustación de produtos.

Circuíto moi rápido

Marco Antonio Pérez describiu o circuíto oficial como “moi rápido”, especialmente no seu primeiro quilómetro e na súa parte final que será a máis espectacular pola pendente de baixada. No medio haberá que subir o perfil pronunciado do Monte Facho. Tamén salientou a especial beleza do lugar da competición e pronosticou moita auga no firme. “Os deportiscas chegarán enfangados á meta si ou si”, dixo.

Polo que respecta a Alejandro Gómez, eloxiou o alto nivel participativo e lembrou que o elemento máis importante neste tipo de deportes é o can. Tamén anunciou que, ademais de el mesmo, varios membros do seu club con títulos nacionais acudirán tamén á copa este domingo. Citou os nomes de Óscar Piñeiro e de Mónica Touriño.

Policía Local e Protección Civil colaborarán no evento.

5 de marzo de 2014 | 19:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.