publicidade hoxe

30 persoas participan nos novos cursos do Centrad en Lugo, Abadín e Becerreá

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAbadínBecerreáLugoLugo
A-
A+

Esta semana comezan os primeiros cursos da programación do Centrad para os vindeiros 6 meses. 30 persoas participarán nas 3 primeiras convocatorias sobre costura, patchwork e cestería que se desenvolverán en Lugo, Becerreá e Abadín.

O obradoiro “Arranxa as túas prendas” celébrase en horario de mañá, de 10:00 a 13:00 horas, de luns a venres no pavillón 5 do Centrad. Nel participan 8 persoas que aprenderán, durante as 80 horas de duración do curso, a actualizar modelos, adaptar a tallaxe e perfeccionar o rematado das súas prendas de vestir.

Dentro da aposta por descentralizar a formación e fomentar a participación, o Centrad leva varios cursos ós Concellos da provincia. Esta tarde comezou en Becerreá o de “Iniciación ó Patchwork” que se celebrará todos os luns entre as 16:30 e as 20:30 horas ata o 30 de xuño no Centro Social de este municipio. Ten unha duración de 56 horas nas que os 12 inscritos aprenderán a traballar con distintas técnicas, a crear o bloque inicial, a realizar labores co prato de Dresden, a aplicar a puntada escondida, a acolchar a man e a rematar o labor.

Mañá comezará o curso de “Iniciación á cestería” no Concello de Abadín que se impartirá todos os martes ata o 27 de maio en horario de 16:00 a 20:00 horas no Colexio de Moncelos. O curso iniciará ós 12 participantes nas diferentes técnicas de cestería e realizarán pezas como cestas ou bandexas con diferentes bases, tecidos, remates e asas. Ten unha duración de 40 horas.

As inscrición para os cursos que comezan esta semana está completa pero as persoas interesadas poden consultar vindeiras convocatorias, cos horarios e contidos dos cursos na web www.deputacionlugo.org, no teléfono 982 210 066 ou nas instalacións do Centrad (Travesía Rúa Chantada, s/n). O prazo de presentación de solicitudes remata 5 días antes do comezo de cada curso.

17 de marzo de 2014 | 17:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.