Uns 40 expositores participarán na II Feira de Inverno do pequeno comercio de Riveira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioRiveira
A-
A+

Un total de corenta expositores teñen confirmada a súa participación os días 7, 8 e 9 de marzo na Segunda Feira de Inverno do Pequeno Comercio. Así se deu a coñecer hoxe na presentación do evento nun acto que estivo protagonizado polo concelleiro de Comercio Anxo Orellán e por David Fernández no nome da Asociación de Empresarios e o Centro de Hostaleiro Aberto.

A este respecto, nesta convocatoria a Asociación de Empresarios asume a organización dunha feira que impulsara en 2013 o Concello co obxectivo de axudar á mellora da conta de resultados do comercio local e dar saída ao seu xénero.

Carpa de mil metros cadrados

Cómpre destacar o significativo aumento no número de expositores sobre a edición anterior, na que concorreran 30 stands, o que implica un incremento do 33%. De forma parella, amplíase tamén a superficie expositiva de tal xeito que a carpa instalada no paseo do Malecón terá unha extensión de 1.000 metros cadrados.

Dos corenta expositores, 33 estarán integrados por firmas ligadas a sectores tradicionais neste tipo de eventos, como roupa infantil, xuvenil e de adultos; complementos, material deportivo, zapatería, etc… Ademais, como novidade, David Fernández avanzou que dentro da carpa expositiva se habilitará unha área de 200 metros cadrados que estará dedicada á hostalería e contará coa participación de sete establecementos do municipio.

O presidente do Centro Hostaleiro Aberto lembrou que a idea de habilitar unha zona hostaleira naceu na pasada feira de verán Viamare Stock e salientou que, á vista da exitosa experiencia, se decidiu repetir a iniciativa, incorporándose tres novos establecementos aos catro que concorreran no pasado agosto.

En canto a horarios de apertura, o venres estará aberta de 10 a 21.30 horas; o sábado de 10 a 22.30 horas; e o domingo de 11 a 21.30 horas. A zona da hostalería contará cun horario máis amplo. Ademais, numerosas actividades complementarias que se darán a coñecer nos vindeiros días contribuirán a acentuar o atractivo do evento ferial.

Campaña de promoción do comercio

O concelleiro Anxo Orellán quixo animar aos veciños da comarca a que se acheguen á feira no Malecón e agradeceu á Asociación de Empresarios que recollese a testemuña do Concello.

Anxo Orellán informou tamén da campaña de promoción do comercio que co apoio da Asociación de Empresarios promove o Concello nestes días, e que contará cun parque de inchables na rúa de Galicia os días 3 e 5 de marzo, ademais de ambientación musical polas rúas comerciais da cidade coa participación das charangas Os Santiaguiños, de Padrón, e Bébedos, de Vedra. Así mesmo, haberá obradoiros temáticos infantís, música, xogos e outras actividades.

 

28 de febreiro de 2014 | 18:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.