Uns 300 rapaces de Riveira disfrutaron dun divertido espectáculo en homenaxe a Rosalía de Castro
Preto de 300 nenos e nenas do municipio de Riveira disfrutaron esta mañá dun divertidísimo programa que serviu para homenaxear a Rosalía de Castro no 151 aniversario da publicación de “Cantares Gallegos”.
Os pequenos, todos eles alumnos de 1º de Primaria de distintos centros educativos do municipio, tiveron a oportunidade de aproximarse por primeira vez á poetisa de Padrón e coñecer algunhas das súas creacións da man de Alicia Padín e Santiago Páramo, que se subiron ao escenario do Auditorio Municipal para promover unha lectura colectiva entre todos os asistentes de dous poemas da escritora: “Lugar máis fermoso” e “Adeus ríos, adeus fontes”, ambos pertencentes a “Cantares Gallegos”.
Cuadrilla da Fonte Navegante
Acto seguido, tivo lugar a actuación da Cuadrilla da Fonte Navegante liderada por Suso Bello, que fixo as delicias da rapazada, a cal non dubidou en aplaudir en todo momento as cancións do artista.
Ao finalizar o evento, o profesorado recibiu un CD coa música e as letras desta nova proposta de música infantil; así como unha guía didáctica, realizada coa colaboración do Concello, coa que poder seguir co traballo do uso do galego no tempo de lecer e a igualdade entre nenos e nenas nas aulas durante todo o curso escolar.
A actividade estivo organizada polo Servizo de Normalización Lingüística e a Concellería de Educación, en colaboración coa Concellería de Cultura e Festexos. Cantamos en galego é un programa de coeducación en igualdade, deseñado ademais para xerar consciencia lingüística nos escolares, coa consecuente mellora no uso normal do idioma galego.











