Unhas xornadas de difusión amosarán como sacar rendemento á nova plataforma web turística de Riveira
O Concello de Riveira vai organizar unha xornada de difusión e formación sobre a nova Plataforma Turístico-Patrimonial de Riveira, na que empresarios e asociacións poderán difundir información sobre os seus establecementos e entidades.
A nova plataforma web, a máis avanzada que haberá en Galicia, constitúe unha excelente oportunidade non só para a difusión da riqueza paisaxística e patrimonial do municipio, senón tamén para a dinamización económica e a promoción das empresas, establecementos comerciais e entidades sociais do concello.
O obxectivo das xornadas reside en informar aos asistentes de como poden utilizar a plataforma para publicitar os seus establecementos e servizos, así como as potencialidades de dinamización turística e económica que ofrece. Estas xornadas brindan a empresas, comercios e asociacións a oportunidade de divulgar os seus negocios e actividades desde a plataforma coincidindo coa súa estrea definitiva e apertura ao público.
Con tal motivo, o alcalde Manuel Ruiz, técnicos da empresa Avansig (a adxudicataria do proxecto) e persoal municipal ofrecerán información e resolverán calquera dúbida nunha reunión programada para o xoves 6 de marzo ás 20 horas, no Auditorio Municipal.
Os interesados poden apuntarse ata o 28 de febreiro cubrindo un formulario habilitando na páxina web municipal www.riveira.es.











