Unha senda mariñeira de 560 metros de longo unirá os Área Secada e A Ameixida

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiveira
A-
A+

O Concello de Riveira vén de sacar a licitación unha nova actuación entre as incluídas  dentro do proxecto Riveira Atlántica, consistente na recuperación e interpretación da senda mariñeira entre os lugares de Área Secada e o Porto da Ameixida.

Conforme ao anuncio publicado no Boletín Oficial da Provincia con data de hoxe, a actuación ten un prezo de licitación de 399.927,70 euros e o seu prazo de execución son seis meses. O período para a presentación de ofertas abrangue 26 días naturais e remata o vindeiro 17 de marzo.

O desenvolvemento deste proxecto constitúe unha prolongación do paseo marítimo polo borde litoral que une a cidade de Riveira co Touro, outra das iniciativas (xa executada) incluídas no Riveira Atlántica 2015.

Cunha lonxitude de 560 metros liñais, a senda mariñeira plantexada concíbese como un elemento integrador do medio costeiro-litoral no medio terrestre a través da recuperación para uso público desta franxa, cuxa abrupta orografía dificultan a accesibilidade nalgúns puntos.

O itinerario descorrerá case na súa totalidade pola zona de servidume de tránsito. Para a súa realización empregaranse distintos materiais acordes co entorno no obxecto de causar o menor impacto visual. Fundamentalmente madeira, e tamén zahorra artificial e pavimento térreo tipo Aripaq . Así mesmo, será necesario levantar diversos muros de contención nalgúns tramos.

O proxecto complétase con paneis interpretativos con información medioambiental, bancos de madeira, papeleiras abatibles de aceiro inoexidable e alcorques de fundición.

18 de febreiro de 2014 | 20:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.