Riveira conmemorará cun espectáculo infantil no Auditorio o Día de Rosalía de Castro
O Concello de Riveira vai conmemorar este luns 24 de xaneiro o Día de Rosalía de Castro cun espectáculo infantil ás 11 horas no Auditorio Municipal.
Esta actividade serve ademais para dar inicio ao programa de coeducación Cantamos en Galego e contará coa asistencia de case 300 nenos de 1º de Primaria. Trátase dunha benvida ao mundo escolar na que coñezan a figura de Rosalía de Castro e a importancia da literatura; ademais de ter acceso á creación artística en galego, neste caso musical, a través dun concerto da Cuadrilla da Fonte Navegante.
O profesorado recibirá un CD coa música e as letras desta nova proposta de música infantil; e en primicia unha Guía didáctica, realizada coa colaboración do Concello, coa que poder seguir co traballo do uso do galego no tempo de lecer e a igualdade entre nenos e nenas nas aulas durante todo o curso escolar.
A actividade está organizada polo Servizo de Normalización Lingüística e a Concellería de Educación, en colaboración coa Concellería de Cultura e Festexos. Cantamos en galego é un programa de coeducación en igualdade, deseñado ademais para xerar consciencia lingüística nos escolares, coa consecuente mellora no uso normal do idioma galego.
Programación:
10.30 h.- Recollida nos centros de ensino dos nenos e nenas, co profesorado acompañante
11.00 h.- Comezo do espectáculo no Auditorio. Quen é Rosalía de Castro? Lectura dun poema da autora conmemorando o seu aniversario.
11.15 h.- Comezo do concerto da Cuadrilla da Fonte Navegante
12.00 h.- Regreso aos centros de ensino.











