Riveira acollerá un amplo programa formativo para dinamizar os sectores turístico e hostaleiro
Ao longo deste semestre, o municipio de Riveira vai dar cabida a un conxunto de accións formativas concibidas co obxectivo de dinamizar os sectores turístico e hostaleiro de Riveira e da comarca. No obxectivo de explicar este amplo programa, compareceron na Casa do Concello o alcalde Manuel Ruiz, o presidente da Asociación de Empresarios, Antonio Miranda; o presidente do Centro Hostaleiro Aberto, David Fernández; e o responsable municipal de Comercio e Turismo, Anxo Orellán.
As primeiras accións desenvolvidas terán lugar xa a vindeira semana. Trátase de dous cursos organizados coa colaboración da Asociación de Empresarios que van ser impartidos por un dos maiores expertos existentes en España no eido turístico: o profesor Domènec Biosca Vidal, cuxo currículo inclúe entre outros moitos méritos a concesión da Medalla ao Mérito do Coñecemento Turístico outorgada en 2011 polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio e a elaboración de 32 libros e máis de 2.000 artigos.
O profesor Biosca vai desenvolver os días 12 e 13 de febreiro dous cursos formativos enfocados respectivamente aos ámbitos público e privado. Así, en horario de mañá, de 10 a 13.30 horas, impartirase a xornada “Os novos factores do éxito das empresas do sector turístico”, que está dirixida principalmente a responsables de restaurantes, comercios, locales de hostalería, aloxamentos de turismo rural e outras empresas afíns.
Ao longo das dúas sesións, Domènec Biosca desvelará as claves que deben conducir a xestionar con éxito unha empresa turística: como encher un destino e un aloxamento en épocas difíciles, como incrementar as ventas de restaurantes e locais de hostalería, como incrementar as ventas nun comercio turístico ou como integrar aos empregados e dirixilos con éxito, etc…
Por outra parte, en horario de tarde de 17 a 20.30 horas desenvolverase tamén os días 12 e 13 a acción “Os novos factores do éxito nun municipio turístico”, que servirá para expoñer os coñecementos que debe manexar calquera cargo público na súa responsabilidade de liderar as novas e complexas variables da xestión dun municipio turístico: como crear produtos turísticos atractivos, como atraer clientes a un destino turístico, como coordinarse con outros municipios e ser máis atractivos ou como coordinarse co sector privado.
Os dous cursos teñen carácter totalmente gratuíto e celebraranse no Centro Cultural Lustres Rivas. Os interesados en inscribirse poden facelo no teléfono 686 587 000 ou ben enviando un email a sanroqueturismo@gmail.com.
GAC
O alcalde Manuel Ruiz deu conta tamén dun segundo bloque de actuacións programadas para a partir do final deste mes e que se prolongarán ata o mes de maio, que van están financiadas no marco do Grupo de Acción Costeira número 5.
Trátase duns cursos de formación dirixidos especificamente ao sector da hostalería e concibidos co obxectivo de potenciar as posibilidades gastronómicas de diversos produtos do mar, como o polbo, as algas ou os mariscos. Para tal fin, desenvolverase unha serie de cursos de cociña e elaboración de tapas, que estarán complementadas cunha serie de módulos sobre coctelería, protocolo e decoración.
Se ben aínda se están a perfilar os últimos detalles da iniciativa, os interesados xa poden preinscribirse no Centro Cultural Lustres Rivas, chamando ao número 981 835 650. Os cursos serán impartidos no restaurante Jenaro.
Ao fío deste tema, Ruiz Rivas deu conta tamén da solicitude ao GAC dun curso experimental sobre turismo náutico.
O presidente da Asociación de Empresarios de Riveira, Antonio Miranda, destacou a idoneidade destes cursos e resaltou a importancia de evolucionar e modernizarse cos novos tempos. Tamén quixo convidar a empresarios e hostaleiros a participar nas accións organizadas.
Pola súa parte, David Fernández salientou a aposta que pola calidade se está a realizar no tecido hostaleiro e agradeceu a colaboración do Concello neste sentido.











