Reabre as súas portas o pavillón de Coroso para erixirse no referente de Riveira nos deportes de raqueta

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiveira
A-
A+

Hoxe reabriu as portas o pavillón municipal de Coroso despois da execución dunha actuación de acondicionamento co fin de erixir a infraestrutura no novo Centro de Deportes de Raqueta Santa Uxía.

O alcalde Manuel Ruiz e o concelleiro de Deportes Juan Luis Martínez, ademais de José Carlos Matilla como presidente do Club de Pádel Riveira, achegáronse ata alí para esta nova instalación deportiva, que comprende catro nova pistas de pádel e unha pista renovada de squash, ademais de vestiarios, zona de estiramentos, etc.

Ruiz Rivas destacou a satisfacción que supón para o Executivo o feito de que por pouco máis de 200.000 euros dase vida a unha instalación que se estaba quedando obsoleta e apenas era utilizada para o deporte da canastra. “Hoxe os equipos de baloncesto están acudindo á Fieiteira con gran satisfacción para todos eles e, ao mesmo tempo, puidemos introducir un deporte apto para calquera idade como é o pádel”, declarou.

Pistas panorámicas

O rexedor tamén sinalou que dúas das novas pistas revisten características únicas dentro da comarca ao ser de tipo panorámico e permitir así aos afeccionados disfrutar dun partido de pádel.

Manuel Ruiz informou de que a partir deste domingo porase en marcha unha liga de pádel para estrear as instalacións na que están inscritas un total de 50 parellas, 42 femininas e 8 masculinas. A iniciativa está organizada pola asociación As Miñoteiras, coa colaboración do Concello e do Club de Pádel Riveira.

Precisamente no nome desta entidade deportiva falou o seu presidente José Carlos Matilla, quen subliñou que con estas instalacións cúmprese unha antiga demanda dos membros do club, ao non ter que desprazarse a outros concellos para a práctica desta afección.

Entre hoxe e o vindeiro xoves 18 de febreiro haberá unha semana de portas abertas, coa posibilidade de alugar as pistas gratuítamente previa reserva na instalación ou chamando ao número 981 873 268.

A partir do luns 17 de febreiro, a instalación abrirá en horario regular: de luns a venres de 19 a 13 e de 16 a 23 horas (o venres pechará ás 23.30 horas), o sábado de 9.30 a 14 e de 16 a 22 horas, e o domingo de 9.30 a 14 horas.

En canto a tarifas, o aluguer dunha pista de pádel de luns a venres en horario de mañá é de 10 euros por hora (2,5 euros/persoa), en tanto que de luns a venres polas tardes, ademais de sábado e domingo, o prezo é de 12 euros (3 euros/persoa). O aluguer da pista de squash ascende a 3,81 euros por hora en calquera franxa horaria.

Modalidades de aluguer

Outra información de interese son as distintas modalidades de aluguer das pistas de padel unha vez conclúa a semana de portas abertas. Os interesados poderán reservakas a través de internet (www.riveira.es) ou en persoa, ben no complexo da Fieiteira (en metálico) ou ben no propio centro de Coroso (con TPV). Tamén cabe a posibilidade de acollerse á modalidade de bono (120 euros / 12 horas) no complexo da Fieiteira.

14 de febreiro de 2014 | 18:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.