publicidade hoxe

Os veciños de Sada beneficiaranse da creación dun novo punto limpo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSada
A-
A+

Os veciños da localidade coruñesa de Sada beneficiaranse da construción dun novo punto limpo, onde a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, fará unha achega económica de case 280.000 euros. O departamento autonómico vén de adxudicar á empresa Arias Hermanos S.A. a súa construción. Esta actuación enmarcase no desenvolvemento do Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia 2010-2020.

Unha vez rematadas as obras, que terán unha duración aproximada de 4 meses, quedará reforzada a rede de puntos limpos municipais financiados polo Executivo autonómico. O punto limpo de Sada permitirá realizar a xestión de residuos sólidos urbanos ou domésticos que requiran dunha xestión específica polo seu tamaño, natureza ou perigosidade.

Funcións principais

Entre as funcións principais desta infraestrutura, atópanse os de separar os residuos xerados nos fogares que representen un risco para o medio ambiente ou a saúde; evitar o vertido incontrolado de escombros e residuos voluminosos coma mobles ou electrodomésticos; e facilitar a recuperación dos recursos contidos nos residuos para a súa reciclaxe.

A parcela de emprazamento do punto limpo situarase en Monte Perouteiro no lugar do Vilar da parroquia de Meirás, lindando coa Vía Ártabra, no tramo comprendido entre os núcleos de Oleiros e Arillo.

As obras a executar para a construción do punto limpo centraranse no movemento de terras; urbanización e axardinamento; colocación das instalacións xerais; a construción da oficina de recepción, almacén de residuos especiais e depósito para residuos de aparatos eléctricos. Tamén se procederá a executar o peche perimetral e as portas de acceso, así como os contedores e sinalización.

Esta actuación permitirá aos mais de 15.000 cidadáns do municipio de Sada realizar o depósito de residuos para a súa posterior separación e clasificación, mellorando a loxística na xestión e posibilitando:

• Evitar o seu vertido incontrolado e os conseguintes impactos sobre a saúde pública, a paisaxe e o medio ambiente.
• Facilitar a abaratar os procesos de valorización de residuos (recuperación e reciclaxe), dando cumprimento ás esixencias europeas en materia de xestión de residuos.
• Aproveitar os materiais contidos nos residuos reducindo o consumo de materias primas e recursos naturais.

24 de febreiro de 2014 | 16:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.