Os técnicos do Porriño terán unha nova ferramenta de traballo para interpretar as rasantes no PPI-7

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Porriño
A-
A+

O Concello de Porriño celebrou onte pola tarde o pleno ordinario correspondente ao mes de febreiro cuxo orde do día compúñase de 16 puntos. Durante a sesión, presidida polo alcalde Nelson Santos, aprobáronse diversas cuestións en materia de urbanismo, servizos sociais e economía e facenda.

O concelleiro de Urbanismo Marcelino Coto expuxo dous puntos referidos ao inventario de camiños municipais. No primeiro aprobouse por unanimidade ampliar a lonxitude dun viario na Pontenova-Atios e modificar o trazado doutro na Relva-Torneiros; no segundo levou adiante a incorporación ao inventario de dous camiños localizados en Chenlo e en Mosende e a redución do trazado doutro en Torneiros. Coto expuxo tamén o seguinte dos puntos centrado na aprobación duns criterios de interpretación elaborados polos propios servizos técnicos do Concello sobre a rasante no interior das parcelas do polígono PPI-7 en Budiño, “trátase de establecer a rasante máxima no interior das parcelas en rúas con desnivel, para o que se tomou como referencia o regulado na normativa do polígono industrial da Granxa”, explica Coto.

A concelleira de Economía e Facenda deu conta ao pleno do informe de avaliación da estabilidade orzamentaria, da regra de gasto e do límite de débeda viva con motivo da prórroga do orzamento para o exercicio 2014, “informe no que se verifica que si se cumpre coa estabilidade orzamentaria, a regra de gasto e a débeda viva”, aseguraba a edil.

A derrogación da Ordenanza Fiscal Reguladora das taxas pola prestación de servizos de subministración de auga potable, rede de sumidoiros, saneamento e depuración de augas residuais por pasar este servizo a ser competencia do Consorcio foi outro dos puntos da orde do día. Neste sentido, o concelleiro de Vías e Obras, Manuel Carreira, explicou que o motivo de levar a pleno este punto é porque “o servizo do ciclo integral da auga en Porriño, conxuntamente con Mos, Tui e Salceda, é prestado polo novo Consorcio desde o día 1 de xaneiro deste ano”. De maneira que é o Consorcio o que xestiona directamente os ingresos polos servizos da auga no canto de recibir transferencias dos concellos; en consecuencia, aprobouse unha ordenanza fiscal única para o catro municipios.

A concelleira Teresa Veloso foi quen presentou o tres últimos puntos, previos á quenda de mocións. Dous deles centráronse no Regulamento do Servizo de Axuda no Fogar presentándose unha nova ordenanza que derroga a anterior coa finalidade de adaptarse á nova lexislación e aos novos decretos da Xunta de Galicia, “os contidos son os mesmos cambiándose unicamente as táboas e criterios referidos ao prezo público pola prestación destes servizos”, explica Veloso. No outro punto levaba para a súa aprobación inicial o Regulamento da creación de ficheiros de datos de carácter persoal no servizo de igualdade do Concello de Porriño, “até agora inexistente e que creemos necesario”, sinalaba a concelleira explicando que “será un ficheiro específico das persoas vinculadas ao CIM, dando sempre cumprimento á Lei de Protección de Datos”.

A sesión ordinaria pechouse co debate de sete mocións e a realización de diversos rogos e preguntas por parte dos grupos da oposición aos cales o Goberno local contestou in situ gran parte delas, comprometéndose a responder por escrito as restantes.

28 de febreiro de 2014 | 12:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.