Os estudantes do Porriño coñecen a vida e obra do compositor Reveriano Soutullo

Visita dos escolares
Aproveitando que a exposición itinerante Reveriano Soutullo: unha vida para a música chegou hai uns días a Porriño, a Concellaría de Educación, que dirixe Ana Martínez, organizou visitas guiadas dirixidas a escolares de diversos colexios do municipio. Así, esta mañá un grupo de sexto de Primaria do Colexio Irmáns Quiroga acudiu ao Círculo Recreativo Cultural para ver a mostra acompañándose de unidades didácticas que fixeron máis comprensible todo o exposto.
A neta do músico, María Rosa Arija, guiou a actividade nunha sesión de 45 minutos na que fixo un percorrido polos paneis informativos expostos e que recollen toda a vida e obra do compositor ponteareán, podendo observar ademais diversas vitrinas nas que se recollen partituras manuscritas antigas, fotografías de diversas escenas da representación de obras, caricaturas, libros, carteis e recortes de xornais e revistas. Os 22 escolares, acompañados por dous das súas profesoras, puideron tamén escoitar, a modo de música ambiente durante as explicacións de Arija, diversas pezas compostas por Reveriano Soutullo.
A neta de Soutullo faloulles do vínculo que o seu avó gardaba co pobo de Porriño, facendo referencia á súa amizade cos irmáns Antonio e José Palacios e con Marcelino Giráldez, director da Banda de Porriño, a quen lle dedicou o Pasodobre de Redondela. Ademais da súa faceta de músico, Arija destacou tamén a de promotor da cultura fundando a editorial de música Soutullo e Villanueva, a través da cal se editaba música doutros autores galegos para difundila e que chegase a outros lugares.
Reveriano Soutullo é considerado o compositor galego de maior fama internacional polo seu maxistral pasodobre con denominación de orixe (Pasodobre de Puenteareas) xunto con tres obras do xénero lírico: A lenda do bico, A do Soto do Parral e O último romántico.
As visitas a esta exposición, que permanece ademais aberta ao público xeral até o día 2 de marzo, continuarán ao longo de todo o mes de febreiro. Mañá mesmo será un grupo de alumnos dos colexios de Atios e de Budiño os que realicen a actividade e a próxima semana farano outro grupo do colexio Irmáns Quiroga e tamén do CEIP Antonio Palacios.











