Os escolares de Porriño coñecen a historia e o deseño da praza de abastos

Visita dos escolares á praza
50 escolares de cuarto de Educación Primaria do Colexio Fernández López de Porriño visitaron esta mañá as instalacións da praza de abastos onde foron guiados pola arquitecta municipal Alba Rodríguez e polo veterinario de saúde pública Gerardo Rodríguez, a quen lles acompañou a concelleira de Prazas e Mercados, María José Martínez. A actividade didáctica, organizada polo Concello, “trata de achegar aos máis pequenos a vida da praza de abastos, que coñezan a súa historia, o seu deseño e tamén os diferentes postos que existen e os produtos que estes ofrecen”, explica a edil, quen asegura que, tras as festas do Entroido, está programado que acuda outro grupo de escolares a coñecer estas instalacións.
A arquitecta municipal explicoulles a estrutura do edificio “pertencente ao racionalismo, co que se buscaba que cada cousa que se colocase respondese á súa función, evitando así elementos de ornamentación”. A praza de abastos de Porriño data do ano 1974, “José Bar Boo foi o arquitecto que a ideou, pero foi Desiderio Pernas quen a finalizou”, explicaba Rodríguez aos escolares entregándolles unha fotografía na que se podía observar como era antes o mercado municipal, composto de dous edificios, nun vendíase a froita e a verdura e no outro o peixe e a carne. Unha división que se segue a día de hoxe por motivos sanitario, pois aínda estando xa todo nun único edificio, a planta divídese en dous partes: froitas e verduras e carnes e peixes, ampliando ademais a oferta a unha segunda planta na que hai dispoñibles varios locais e que actualmente acollen unha tenda de produtos ecolóxicos e dous establecementos de barbaría e estética. Alba Rodríguez completou as súas explicacións, seguidas moi atentamente polo alumnado, indicando que esta praza de abastos foi dos primeiros edificios nos que se utilizou o policarbonato (unha especie de plástico) a modo de parede e co obxectivo de que entrase maior luz natural, “entón, por aquela época, supuxo unha iniciativa moi innovadora”, sinalou; así mesmo, tamén destacou as pezas de granito que recubren a fachada “facendo alarde á pedra típica de Porriño”.
Pola súa banda, Gerardo Rodríguez centrou as súas explicacións na natureza e características dos produtos que se poden adquirir na praza de abastos. Á pregunta dun dos alumnos de “como sabemos cando nos están vendendo algo fresco”, o veterinario referiuse á etiqueta do produto e a importancia desta, xa que “a etiqueta é a principal garantía de calidade”. Así lles explicou toda a información que contén este selo, desde a orixe do produto, a categoría, a trazabilidad, etc. E para pór en práctica o explicado, os escolares realizaron un percorrido polos diferentes postos onde puideron comprobar a etiquetaxe dos produtos. Finalmente, foron obsequiados con churros e cunha bolsa de froita variada.
Rape e xoubas no showcooking
Dados de rape en mariñeira de ameixas, croque e mexillóns, por unha banda, e guiso de xoubas, por outra, foron os pratos que se cociñaron na segunda sesión do showcooking celebrado esta mañá na praza. Do mesmo xeito que o do pasado venres, que fose protagonizado por membros da Asociación de Amas de Casa, tamén leste congregou a persoas que seguiron a elaboración en directo de ambas as receitas e que logo mesmo puideron degustalas. Nesta ocasión, os cociñeiros encargados de elaborar os pratos foron o chef do Restaurante Manolo e o concelleiro Marcelino Coto.











