O profesor Biosca apela á colaboración público-privada para o éxito turístico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiveira
A-
A+

A conferencia que o experto Domènec Biosca ofreceu na tarde de onte e que estivo dirixida principalmente a axentes vinculados co desenvolvemento turístico no sector público resultou ser un novo éxito de convocatoria, con medio centro de asistentes nas instalacións do Centro Cultural Lustres Rivas.

Representantes dos concellos de Riveira, Porto do Son (alcaldes dos dous municipios inclusive), Padrón, Boiro, A Pobra ou Lousame, ademais da mancomunidade Arousa Norte ou da Universidade de Vigo, foron algúns dos que non se quixeron perder a conferencia na que o profesor Biosca formulou os factores que se deben ter en conta para que un municipio turístico alcance o éxito.

Entre as receitas do conferenciante –que é Medalla ao Mérito Turístico do Goberno do Estado- figuran a necesidade de establecer relacións de cooperación pública-privada á hora de determinar estratexias conducentes a atraer máis visitantes a un destino.

Así mesmo, salientou a importancia de crear lobbys empresariais nos que estean aglutinados todos os sectores vinculados ao turismo, ao que cualificou de transversal (“el turismo es una lluvia que cae sobre muchos sectores”, dixo) e esgrimiu a repercusión que o turismo ten para a economía dunha localidade, xa que, a diferenza doutros eidos, “la naturaleza y la historia no se pueden deslocalizar”.

Hoxe conclúen as sesións formativas de Domènec Biosca con novas conferencias orientadas ás empresas (pola mañá) e ao sector público (pola tarde).

13 de febreiro de 2014 | 13:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.