O Porriño comeza o “triángulo de emprego” con formación
Todos os martes e xoves, durante o próximos tres meses, o Multicentro de Torneiros acollerá o “Triángulo de Emprego”, un programa trimestral de conferencias e coloquios abertos á participación do público no que directivos e técnicos especializados e responsables de Recursos Humanos de empresas de diferentes sectores exporán multitude de cuestións relacionadas coa formación, o emprego e o autoemprego co obxectivo de fomentar e crear emprego no municipio.
O alcalde Nelson Santos explica que se trata de desenvolver un programa trimestral baseado en conferencias e coloquios abertos á participación do público no que técnicos especializados, representantes da Administración pública e responsables de empresas expoñan temas relacionados co emprego, a formación e o autoemprego no tempo actual, como a internacionalización, os idiomas, a figura do emprendedor, o perfil máis buscado ou a concesión de bolsas e subvencións”.
O vindeiro xoves, día 6 de marzo, celebrarase a primeira das xornadas, desde as 10.00 e até as 14.00 horas. Antes, este luns, ás 12.00 horas o alcalde e o concelleiro de Emprego e Formación M. Alejandro Lorenzo presentarán todo o programa que dará comezo este mes de marzo, mes que estará dedicado á formación, cunha serie de conferencias que abordarán cuestións que porán de manifesto a importación desta para a consecución dun posto de traballo. Así nestas xornadas falarase da obtención do título de ESO, dos ciclos formativos e as súas saídas laborais, da FP dual, das carreiras universitarias, da acreditación de competencias profesionais, das bolsas, da formación complementaria e dos idiomas. Precisamente, o xoves 6 o coloquio estará presidido por un representante da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia que exporá os programas de ensino para adultos, a Formación Profesional, as bolsas de estudos e o recente aprobado Plan de Emprego Xuvenil.
Todas as xornadas están abertas ao público en xeral “tanto a persoas desempregadas da Bolsa de Emprego ou inmersas nos programas vixentes como a aquelas que ocupan xa un posto de traballo, para que coñezan outras posibles alternativas no mundo laboral mediante o autoemprego ou ofertas formativas”, sinala Lorenzo, facendo fincapé tamén na participación de estudantes, “de face a ir definindo o seu futuro máis inmediato”, por iso é polo que desde o Concello fagan un chamamento a todos os centros educativos para que organicen cos seus alumnos a asistencia a algunhas destes relatorios, sendo protagonistas mesmo dalgunhas programadas para este “mes da formación”, no que intervirán representantes de institutos tanto de Porriño como doutros municipios expondo a súa oferta formativa e metodoloxía de estudo.
O mes de abril estará dedicado ao emprego, tanto a nivel nacional como internacional, e as conferencias de maio centraranse no autoemprego.











