O martes 11 ábrese a inscrición para participar no Entroido do Porriño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Porriño
A-
A+

Mañá martes, 11 de febreiro, o Concello de Porriño abre a inscrición para participar no Entroido 2014. A Concellaría de Festexos que dirixe M. Alejandro Lorenzo anunciaba hai uns días que xa se publicaron (no BOP do 24 de xaneiro de 2014) as bases e a convocatoria para a concesión de premios a comparsas pola súa participación no entroido deste ano.

A inscrición deberá realizarse no centro cultural a partir de mañá martes, 11 de febreiro, con prazo até o vindeiro martes, día 25, en horario de 09.00 a 15.30 horas, de luns a venres. As comparsas poderán participar na modalidade de infantil (até 12 anos) ou de adultos (de 13 anos en diante), e no caso de que estea integrada por compoñentes de todas as idades atenderase á idade da metade máis un do número total dos membros.

Os premios outorgados serán á participación en función do número de compoñentes da comparsa. Desta maneira, aquelas que teñan entre 10 e 19 compoñentes recibirán 300 euros, as de entres 20 e 39 persoas 500 euros, de 40 a 55 membros 800 euros e aquelas que estean compostas por máis de 56 persoas serán premiadas con 1.000 euros, até completar un orzamento máximo e sempre por rigorosa orde de inscrición. Estas cantidades poderanse ver incrementadas en 50 euros si presentan e cantan coplas.

As agrupacións inscritas deberán participar nos desfiles que se celebrarán o sábado día 1 de marzo, o martes de Entroido (4 de marzo) e o sábado de Piñata (8 de marzo).

Nos próximo días, o Concello de Porriño celebrará unha presentación pública da programación do Entroido 2014.

10 de febreiro de 2014 | 11:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.