O goberno de Riveira investirá 106.000 euros na pavimentación dun tramo da rúa dos Remedios en Deán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiveira
A-
A+

O Concello de Riveira anuncia unha nova actuación a desenvolver no transcurso deste ano e consistente na renovación de servizos e pavimentación dun tramo da rúa dos Remedios, situada na zona riveirense de Deán Pequeno.

Esta obra terá lugar dentro do Plan de Obras e Servizos da Deputación (POS 2014) en substitución á que estaba previsto acometer no entorno da Capela da Guía. Esta modificación, que será sometida o luns á consideración do pleno da Corporación, realízase ante a imposibilidade de saber con certeza se o Concello contará en prazo coa preceptiva autorización da Igrexa para poder afrontar a acción planificada para a zona da Capela. De calquera xeito, esta obra será executada con cargo a fondos municipais unha vez se conte co visto bo.

En canto á actuación da rúa dos Remedios, esta ten un investimento de 106.563,91 euros e un prazo de execución de catro meses.

Pendente elevada

O tramo en cuestión caracterízase por unha elevada pendente, apreciándose unha zona con numerosos peldaños para salvar o desnivel existente. O pavimento actual é de formigón e atópase bastante deteriorado, con asentamentos as escaleiras.

Ademais, o vial carece de rede separativa de pluviais e fecais e a tubaxe de abastecemento de auga é de fibrocemento.

Co fin de solventar estas carencias, o proxecto técnico elaborado polos servizos municipais prevé a colocación dunha tubaxe de abastecemento de auga de 185 metros de longo e 75 milímetros de diámetro feita con polietileno de alta densidade e serán realizadas 16 acometidas domiciliarias.

Polo que respecta á rede de saneamento, será instalada unha tubaxe de PVC compacta de 185 metros e 315 milímetros de diámetro, con oito pozos de rexistro e 16 acometidas. E en canto a pluviais, empregarase unha tubaxe de PVC corrugado de 185 metros e 315 milímetros, con 9 arquetas sumidoiro e 9 pozos de rexistro, ademais de 16 acometidas

No que se refire á pavimentación, serán empregados 300 metros cadrados de adoquín prefabricado de formigón gris, combinados con 78 metros cadrados de adoquín prefabricado de formigón noutra cor, ademais de 89,40 metros cúbicos de formigón pulido.

21 de febreiro de 2014 | 12:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.