José Chazo Vega gaña a primeira mostra de fotografía arquitectónica contemporánea en Riveira
Case un cento de persoas quixeron achegarse na noite de onte ao Centro Cultural Lustres Rivas para asistir á inauguración da Primeira Mostra de Fotografía Arquitectónica Contemporánea: un evento coorganizado polo Concello de Riveira e a empresa aMMCestudio que dirixe o arquitecto Miguel Martínez Castro no que se van expoñer ata o 8 de marzo as 28 instantáneas participantes no concurso fotográfico aMMCestudio.
O acto de onte, que estivo presidido polo alcalde Manuel Ruiz Rivas, serviu para desvelar o gañador e os dous finalistas do devandito certame, de entre os 14 autores aspirantes, procedentes de toda a xeografía galega. Así, o gañador resultou ser José Chazo Vega, o autor de Vilanova de Arousa, cunha serie de tres imaxes titulada “Achegando ao detalle”, coa Cidade da Cultura como motivo fotográfico.
Finalistas
Os dous accésits foron para Marta de Miguel Torres pola súa peza única “Residencia Pontepedriña” (na que se amosa un centro da terceira idade desta zona compostelá) e Chou Pesqueira, por “La Residencia”, serie de tres fotos do Complexo Residencial O Castro do Campus Universitario de Santiago.
Os tres agraciados foron agasallados con sendas figuras obra de José Gude, amén dun premio en metálico de 500 euros para o gañador.
Miguel Martínez expresou a súa satisfacción por ter organizado este concurso e esta mostra e avanzou que na edición do ano que vén haberá importantes novidades.
Pola súa parte, o alcalde Manuel Ruiz expresou a súa confianza en que, ao contrario do acontecido nesta primeira experiencia, a próxima convocatoria do certame contará con imaxes inspiradas nalgún edificio contemporáneo deste municipio e, neste senso, destacou a calidade de determinadas obras que se están a executar a partir dos proxectos de nomeados arquitectos galegos, caso de César Portela (a nova lonxa), Carlos Seoane (o centro social de Oleiros), Celso Lopez Martín (o futuro mercado) ou Ángel Cid (o centro multiusos de Carreira)
Tamén tomou a palabra o fotógrafo Carlos Puga Gómez na súa condición de presidente do xurado para explicar os méritos acadados polos tres galardoados. Este xurado estivo composto igualmente, na súa parte profesional, por Ana Rodríguez Laíño (presidenta da delegación de Santiago do Colexio de Arquitectura de Galicia) e o propio Miguel Martínez Castro, e na súa parte popular por Virginia González, Isabel Rego, Merche Maceiras, Rosana Viturro e Raquel Calviño.











