Gran éxito da primeira sesión do curso formativo de Domènec Biosca en Riveira

Charla de Biosca en Riveira
O salón de actos do Centro Cultural Lustres Rivas encheuse totalmente durante a primeira sesión da xornada formativa impartida por Domènec Biosca “Os Novos Factores de Éxito das Empresas do Sector Turístico”.
A directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, presidiu o acto inaugural deste evento, que terá continuación na sesión matinal de mañá xoves e que está enfocado a responsables e traballadores de establecementos de hostalería e restauración, aloxamentos, comercios e outras actividades afíns ao sector turístico. Hai que recordar tamén que o prestixioso profesor Biosca (32 libros, máis de 2.000 artigos especializados e unha Medalla ao Mérito Turístico eríxeno nun do maiores expertos que nesta materia hai en España) vai impartir tamén unha segunda xornada nas tardes de hoxe e mañá, esta vez dirixida a membros de institucións públicas.
A máxima responsable de Turismo da Xunta salientou a importancia que ten este sector na economía da nosa comunidade (supón o 11% do seu Produto Interior Bruto) e resaltou tamén que o turismo é xerador da imaxe que de Galicia se transmite cara fóra e contribúe a potenciar igualmente o reequilibrio territorial entre costa e interior.
O alcalde Manuel Ruiz explicou durante a apertura do curso que a idea de promover esta actividade (que conta coa colaboración da Asociación de Empresarios) forma parte da aposta que dende o Executivo se fai para incidir no aspecto formativo como piar par que a xente se quede ou retorne á comarca e buscar solución a unha das eivas máis importantes que temos hoxe en día.
Plataforma Dixital
Por outra parte, o rexedor municipal informou de que xa está culminada a elaboración da Plataforma Dixital Turístico-Patrimonial de Riveira e que nas próximas datas se convocará aos empresarios do municipio a unha reunión para dar a coñecer esta iniciativa tecnolóxica (“a máis avanzada que nestes momentos hai en Galicia”, en palabras de Ruiz ) e amosar a gama de servizos a disposición para axudar a impulsar os negocios.
Tamén interveu Antonio Miranda como presidente do colectivo empresarial, quen agradeceu o empeño do alcalde en promover este tipo de iniciativas formativas, “fundamentais para a mellora e modernización das empresas e negocios”.
Cambio de mentalidade
Por fin, nunha amena conferencia na que Domènec Biosca buscou en todo momento a participación do público, o experto avogou por un cambio de mentalidade entre os que traballan nunha empresa turística para facela competitiva.
Ao longo de dúas horas, o profesor Biosca foi desgranando un conxunto de factores que el considera claves para alcanzar ao éxito. Frases como hemos pasado de servir cocacolas a vender felicidad”, “no hay mesas ni mostradores, sino puntos de venta” o “la calidad es la talla de cada cliente” mesturáronse ao longo da xornada con ilustrativas proxeccións audiovisuais que acentuaban o calado das súas mensaxes, nas que en todo momento apelou á urxencia saír da “zona de confort” de cada persoa para asumir novas metas.
Na sesión de mañá, Domènec Biosca afondará en moitos dos coñecementos impartidos.











