Comeza a instalación de saneamento, pluviais e pavimentación na rúa da Muralla en Aguiño
O Concello de Riveira informa do inicio dunha nova actuación consistente na instalación de pluviais e saneamento e na renovación da pavimentación na rúa Muralla, na parroquia de Aguiño.
A acción está sendo efectuada por Excavaciones Abelleira, S.L.. Supón un investimento de 122.154,79 euros e o prazo de execución son tres meses.
Esta vía presentaba un pavimento de zahorra que a fai practicamente intransitable nas épocas de chuvias. Ademais, non dispón de rede de recollida de auga, de tal xeito que esta se acumula na súa superficie.
De acordo co proxecto elaborado polos servizos técnicos municipais, no que respecta á instalación de saneamento vanse colocar unha tubaxe de PVC de 140 metros de longo e 315 de diámetro e outra de polietileno de 1.720 de longo e 75 milímetros de diámetro, ademais de 5 pozos de rexistro.
En canto a pluviais, disporase unha tubaxe de 500 metros de longo de PVC corrugado cun diámetro de 315 milímetros; así como 100 arquetas sumidoiro, 14 pozos de rexistro e 10 acometidas domiciliarias.
Para o pavimento serán utilizadas 324 toneladas dunha mestura bituminosa en quente tipo D-12 que serán estendidas sobre unha base de zahorra artificial.











