Axentes implicados na emerxencia social en Riveira elaborarán un protocolo de actuación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiveira
A-
A+

Unha quincena de axentes vinculados coa emerxencia social no municipio participaron esta mañá nunha reunión de traballo no Consistorio, co fin de ir dando pasos cara a creación dun Consello Local de Inclusión Social que vele pola actuación coordinada de todas as entidades implicadas en atender ás persoas sumidas en tan dramáticas circunstancias.

O encontro contou coa participación de representantes da Concellería de Servizos Sociais e Promoción Social do Concello de Riveira (pertencentes tanto ao Departamento de Servizos Sociais como á UAD, ademais do edil Vicente Mariño), das ONGs Cruz Vermella, Cáritas e Eloraj e da plataforma Stop Desahucios.

Esta primeira toma de contacto serviu para facer unha posta en común da perspectiva que cada entidade ten da situación actual, así como para explicar as actuacións que se están a desenvolver e os recursos que se teñen.

De resultas da xuntanza de hoxe, os participantes acordaron elaborar un protocolo de coordinación dirixido as pautas a seguir por todos os axentes cando se produza un caso de posible emerxencia social. Así mesmo, estableceuse un calendario periódico de reunións que se materializará en xuntanzas o último xoves de cada mes, tendo ás dependencias dos Servizos Sociais localizadas na praza 8 de marzo como sede.

Promoción

Outra dos asuntos postos enriba da mesa foi a necesidade de realizar unha maior promoción entre a cidadanía acerca dos servizos, entidades e recursos existentes en relación coa emerxencia social. Con tal motivo, propúxose a elaboración dalgún tipo de material informativo (guía, folleto ou similar) sobre esta importante temática.

18 de febreiro de 2014 | 20:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.