As amas de casa de Porriño protagonizan un “showcooking” na praza de abastos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Porriño
A-
A+
Showcooking das Amas de Casa do Porriño

Showcooking das Amas de Casa do Porriño

Pescada á améndoa, agulla de tenreira con piña e de sobremesa torta de améndoa e cabelo de anxo foron os pratos que cociñaron esta mañá membros da Asociación de Amas de Casa de Porriño na praza de abastos municipal. O alcalde Nelson Santos e a concelleira de Prazas e Mercados, María José Martínez, organizadora da actividade, estiveron cos protagonistas e asistentes a esta demostración culinaria en directo. “Nesta ocasión optamos por realizala na planta de arriba para dinamizar a actividade comercial que aquí se desenvolve, dándoa a coñecer a moita xente que até entón descoñecía que había locais abertos en ela”, explica o alcalde quen valora moi positivamente a iniciativa, complementando a outras xa levadas a cabo “que supoñen unha posta en valor do noso comercio local, que xoga sempre un valioso papel dinamizador e revitalizador do municipio”.

A concelleira lembrou a todos os presentes, que puideron degustar os pratos ao finalizar a súa preparación, que o vindeiro venres, 21 de febreiro, a partir das 10.00 horas, celebrarase outro showcooking, nesta ocasión dirixido polo chef do Restaurante Manolo e na planta de abaixo. “Trátase de contribuír á promoción do mercado municipal como lugar de referencia para a compra de produtos frescos e de primeira calidade, cunha atención personalizada”, explica Martínez.

De maneira paralela a estas demostracións culinarias celébranse tamén visitas didácticas a escolares para que “teñan a oportunidade de coñecer a praza de abastos, os diferentes postos de froita, peixe, carne…os cales ofrecen aqueles produtos máis adecuados para unha dieta sa e equilibrada, e tamén para que vexan a segunda planta, que moitos descoñecen o seu funcionamento”. A primeira das visitas guiadas estaba programada para esta mañá pero por motivos da climatoloxía adversa tivo que aprazarse para despois das festas de entroido; no entanto, a actividade programada para o vindeiro venres mantense para a partir das 12.00 horas, cando termine o showcooking.

14 de febreiro de 2014 | 19:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.