Arranca o matadoiro comarcal de Barbanza para marcar o camiño a futuros servizos mancomunados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaRiveira
A-
A+

O Matadoiro Comarcal de Barbanza viviu esta mañá a súa posta de longo cun acto de inauguración ao que asistiu unha nutrida representación da vida política e empresarial da comarca.

A conselleira de Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana; o presidente da Deputación, Diego Calvo; o senador José Luis Torres, os deputados autonómicos Santiago Freire e Herminia Pouso; os alcaldes de Riveira, A Pobra, Boiro, Porto do Son e Mazaricos, e os presidentes da FEB e de distintas patronais locais, foron algúns dos que non se quixeron perder este evento, no que o xerente da empresa concesionaria Josoni S.L., Manuel González, explicou as caracteristicas desta instalación que nace para prestar servizo aos municipios integrantes da mancomunidade Arousa Norte, sen desdeñar outras localidades do entorno.

O alcalde riveirense, Manuel Ruiz, manifestou que o que se fixo con esta infraestrutura -que naceu como unha iniciativa local para ser redimensionada como servizo mancomunado- ten que servir de exemplo á hora de marcar o camiño a seguir para outras instalacións, como a canceira municipal. “O camiño ten que ser un camiño conxunto”, declarou o rexedor, quen recalcou a necesidade de “construír a gran cidade de Barbanza” e salientou tamén os importantes investimentos (o matadoiro recibiu unha importante achega da Deputación) que outras Administracións están facendo en Riveira, caso das depuradoras de Corrubedo e Riveira, a nova lonxa, a estrada AC-303 ou as actuacións incluídas no proxecto con financiación europea Riveira Atlántica. “Sabemos das dificultades, pero sabemos tamén o gratificante que é poñer o noso grao de area para que o noso pobo saia adiante e se vexan os froitos do noso labor”, declarou.

A unión fai a forza

Nesa mesma ambición de desenvolvemento conxunto que expresara anteriormente Manuel Ruiz incidiu o presidente de Arousa Norte, Isaac Maceiras, quen subliñou que a unión fai a forza e que traballando xuntos se logrará un futuro “máis esperanzador para os nosos fillos e os nosos netos”.

Pola súa parte, Diego Calvo manifestou que a idea de mancomunar este recinto de sacrificio recolle o espírito que está a tentar introducir a Deputación na provincia coruñesa, favorecendo os proxectos en común. “En Barbanza sempre tivéstedes unha colaboración excepcional entre todos os alcaldes”, salientou.

A conselleira Rosa Quintana loou o papel emprendedor e a ilusión de Manuel González e destacou a importancia da innovación e a adopción de medidas de seguridade alimentaria para que Galicia poda ter unha proxección da súa produción cara o exterior.

Pola súa parte, Manuel González explicou que o matadoiro nace para ser un referente do sector agroalimentario galego e que coa súa posta en marcha lógrase pechar o ciclo produtivo dunha empresa que viu a luz hai máis de 30 anos en Mazaricos.

Así mesmo, destacou que o matadoiro proporciona emprego a dez traballadores, pero a concesionaria espera alcanzar os 25 ou 30 “e se podemos, algo máis” a medida que se vaia incrementando o volume de traballo.

8 de febreiro de 2014 | 21:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.