A praza de abastos do Porriño acollerá demostracións culinarias e visitas guiadas de escolares

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Porriño
A-
A+

A Concellaría de Prazas e Mercados do Concello de Porriño que dirixe María José Martínez organizou unha serie de actividades a desenvolver durante este mes de febreiro na praza de abastos. Serán os venres 14 e 21 cando se celebren demostracións culinarias e cando escolares de diferentes centros educativos do municipio participen dunha visita guiada ás instalacións. “Trátase de contribuír á promoción do mercado municipal como lugar de referencia para a compra de produtos frescos e de primeira calidade, cunha atención personalizada”, explica Martínez.

O vindeiro venres, día 14, darán comezo as actividades co primeiro dos showcookings, que estará dirixido por membros da Asociación de Amas de Casa de Porriño. “Será unha demostración aberta ao público nunha caseta no que diferentes persoas mostrarán os seus dotes culinarios elaborando receitas en directo”, sinala a edil. Realizarase de 10.00 a 12.00 horas e cociñaranse pratos con produtos adquiridos na propia praza, ofrecéndose degustación ao público que se achegue. O seguinte showcooking será o venres 21, á mesma hora, e nesta ocasión protagonizado polo chef do Restaurante Manolo.

Unha vez finalicen estas demostracións culinarias, a partir das 12.00 horas, realizaranse as visitas didácticas dos escolares. “Os máis novos da casa terán a oportunidade de coñecer a praza de abastos, os diferentes postos de froita, peixe, carne…os cales ofrecen aqueles produtos máis adecuados para unha dieta sa e equilibrada, e tamén para que vexan a segunda planta, que moitos descoñecen o seu funcionamento”.

O alcalde Nelson Santos valora moi positivamente e aplaude a iniciativa, complementando a outras xa levadas a cabo “que supoñen unha posta en valor do noso comercio local, que xoga sempre un valioso papel dinamizador e revitalizador do municipio”. Neste sentido, a concelleira subliña que “actividades como estas programadas para o mes de febreiro realízanse co obxectivo de impulsar á praza de abastos, dinamizando o seu día a día e atraendo a novos consumidores”. Un obxectivo que se está conseguindo paulatinamente, mostra diso é a apertura de novos locais cunha nova oferta de produtos e servizos.

7 de febreiro de 2014 | 19:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.