A praza de abastos do Porriño acolle unha degustación de porco alimentado con castañas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Porriño
A-
A+

A praza de abastos de Porriño non deixa de celebrar actividades dirixidas a todos os seus usuarios e veciños en xeral, “accións que serven para promocionar todos os produtos que aquí se venden, mostrando a súa calidade e o trato personalizado dos placeiros cos clientes”, subliña a concelleira de Prazas e Mercados María José Martínez.

Nesta liña, o vindeiro martes, 4 de marzo, desde as 09.30 e até as 13.30 horas, realizarase unha degustación de porco alimentado con castañas a cargo da marca Coren. Desde a empresa aseguran que se trata dunha carne con maior infiltración de graxa, máis zumenta e saborosa que a carne do porco normal. Chuleta, solombo, segredo, presa, carrillada ou cinta de lombo son algúns dos produtos procedentes do porco alimentado con castañas e criado de forma tradicional en Galicia.

Entroido na praza

Coincidindo con martes de entroido, día de mercadillo e de maior afluencia á praza, os vendedores de todos os postos puxéronse de acordo para ir engalanados durante esta xornada. Así, con espírito carnavalesco, eles disfrazaranse de Mickey Mouse e elas de Minnie e atenderán  aos seus clientes como cada día pero nun ton máis humorístico e satírico propio destas datas.

28 de febreiro de 2014 | 12:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.