A orquestra Panorama inaugura a súa xira 2014 na Feira Internacional de Galicia
O sábado 8 de marzo o pavillón 1 do recinto Feira Internacional de Galicia será escenario da actuación inaugural coa que a orquestra Panorama comezará a súa xira 2014, denominada “Space Tour”.
O evento foi presentado esta mañá nas instalacións feirais polo director da Fundación Semana Verde de Galicia, Ricardo Durán, quen o cualificou como “un dos maiores espectáculos que terán lugar en Galicia en 2014” e destacou a súa gratuidade. Así mesmo, recalcou as “capacidades do pavillón 1 en canto a dimensión e acústica” para acoller eventos deste tipo, e informou tanto do seu interese en seguir explotándoas, xa que “abren unha vía de negocio interesante”, como de que os espectáculos musicais son unha “alternativa na que se está traballando”
Ricardo Durán estivo acompañado por Lito Garrido, voz principal da orquestra, quen tamén subliñou a idoneidade do pavillón porque “hai poucos sitios que ofrezan as súas posibilidades”, especialmente pola altura. Así mesmo, indicou que nesta actuación se poderán ver xa as novidades da xira, con “avances tecnolóxicos importantes”, e tamén que durante o seu transcurso se anunciarán datas de gran interese, como “lugar e hora da Gala contra o Cancro” que levan a cabo todos os anos ou a data de lanzamento dun “proxecto discográfico”.
Esta cita musical na Feira Internacional de Galicia comezará ás 22:00 horas coa actuación dunha agrupación que acompañará a Panorama nesta presentación da súa nova tempada. A continuación será a quenda do conxunto protagonista, que descubrirá a todos os asistentes as novidades do seu novo espectáculo, dende o escenario ata novos compoñentes, posta en escena e repertorio.
Ademais da entrada gratuíta, o acceso tamén será libre aos aparcadoiros exteriores do recinto, tendo un prezo de 2€ os interiores. Para facilitar a entrada, as portas abriranse ás 21:00 horas, e para garantir a comodidade e seguridade dos asistentes o aforo establecerase en 11.000 persoas.
Convenio de 4 anos
Este evento enmárcase nun convenio subscrito pola Fundación Semana Verde de Galicia e a orquestra Panorama polo cal esta última comezará e rematará as súas xiras no recinto feiral durante 4 anos. No caso do seu peche de tempada será no festival de orquestras Closing Tour.











