publicidade hoxe

A Consellería de Traballo e Benestar creou uns 80 postos de traballo cos obradoiros de emprego da Mariña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBurelaCervoLocal PortadaLugoXove
A-
A+

A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias visitou na xornada de hoxe na Mariña aos alumnos participantes no obradoiro de emprego Sendas de Burela, Cervo e Xove, impulsado conxuntamente polos tres concellos referidos.

A delegada territorial destacou “o esforzo e o compromiso no eido do fomento da formación e do emprego” que realiza a Consellería de Traballo e Benestar na provincia de Lugo e, neste caso, na comarca da Mariña, na que está a investir máis de 550.000 euros nos tres obradoiros de emprego que están en marcha neste momento. Estas iniciativas, segundo destacou Arias, dan emprego “a preto de 80 persoas, 62 delas como alumnos traballadores e o resto como monitores ou persoal de dirección e administración”.

Arias, xunto cos respectivos alcaldes, José María González Barcia (Burela), Alfonso Villares (Cervo) e Demetrio Salgueiro (Xove), tivo a oportunidade de supervisar as obras que se están a realizar en cada concello e incidiu “na necesidade de seguir sumando sinerxías que procuren a creación de postos de traballo a nivel local”.

Neste sentido, aludiu a que “os concellos xogan un importante papel para detectar e aproveitar os nichos de emprego”, facilitando así que iniciativas formativas como os obradoiros promovan a formación do alumnado en áreas relacionadas cos novos viveiros de emprego susceptibles de xerar postos de traballo en cada zona.

No caso do obradoiro Sendas de Burela, Cervo e Xove, o departamento autonómico de Traballo e Benestar inviste máis de 195.000 euros (195.435,24 euros) neste proxecto, no que 22 traballadores desempregados adquiren formación teórica e experiencia laboral nas especialidades de operacións auxiliares de revestimentos na construción, instalación e mantemento de xardíns e pintura e realizan obras de interese social nos tres concellos.

Os participantes do obradoiro levan a cabo, por exemplo: rehabilitación de vivendas nos Castros (Burela), acondicionamento de xardíns na Atalaia, en Sargadelos e San Cibrao (Cervo) e habilitación de aulas de formación en Palmeiro (Xove).

Raquel Arias defendeu o novo modelo de obradoiros de emprego, que en determinados casos promove aos concellos a mancomunar as propostas, porque “significa coordinar accións e reducir custos, permitindo o acceso do maior número posible de persoas desempregadas”.

Os obradoiros están dirixidos a persoas maiores de 18 e teñen unha duración de seis meses, durante os cales os alumnos traballadores perciben un salario e adquiren unha formación teórica e práctica orientada ás demandas reais do mercado laboral.

Esta filosofía de aprender traballando permite ademais que os obradoiros realicen obras e servizos de interese para os concellos que os albergan, aspecto que tamén sinalou a delegada ao longo da súa visita.

13 de febreiro de 2014 | 13:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.