A biblioteca itinerante de Avanza Trasdeza chega aos Centros Sociais dos Maiores de Silleda e A Bandeira
Os dous Centros Sociais dos Maiores do municipio contan xa cunha pequena mostra bibliográfica da man da biblioteca itinerante “Pelegríns de Papel”, promovida pola asociación sociocultural Avanza Trasdeza. A concelleira de Participación Cidadá, departamento que se encarga dos Centros Sociais de Silleda e da Bandeira, e tamén presidenta da asociación sociocultural Avanza Trasdeza, Pilar Peón, levou hoxe ás dúas instalacións os lotes de libros para que os usuarios poidan acompañar a súa estancia ou tempo de lecer con libros.
Esta colaboración vén a sumarse a outras donacións de Avanza Trasdeza a través da súa biblioteca itinerante Pelegríns de Papel en centros públicos coma a Casa da Xuventude de Silleda, piscinas municipais ou as campañas de fomento da lectura.
Pelegríns de Papel é un programa elaborado por Avanza Trasdeza, que consiste na instalación de varios puntos de lectura onde se colocan unha serie de libros, dos cales calquera persoa podería coller un exemplar e intercambialo por outro. Pilar Peón destaca a variedade da oferta, con varios puntos instalados en establecementos do municipio, onde figuran libros de variados xéneros e para todas as idades.











