23 empresas postúlanse para as obras de reorientación e finalización do novo mercado municipal de Riveira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiveira
A-
A+

Concluído o prazo para a presentación de ofertas, son 23 as empresas interesadas na execución das obras de reorientación e finalización do Novo Mercado Municipal de Riveira, unha actuación  incluída dentro da iniciativa Riveira Atlántica, que está cofinanciada nun 70% con fondos europeos Feder.

Así e logo, proséguense os prazos previstos polo Executivo, de tal xeito que a partir de agora procederase co estudo das diferentes ofertas e barállase o 30 de abril como data límite para que as obras se retomen.

Hai que recordar que o prezo de licitación desta esperada infraestrutura ascende a 2.984.599,23 euros, IVE incluído, e o prazo de execución é de 10 meses, sempre rebaixable en función da proposta da empresa que resulte adxudicataria.

O novo proxecto mantén en liñas xerais a aparencia do edificio e os seus característicos pechamentos inclinados. As modificacións introducidas perseguen sobre todo acadar unha maior flexibilidade de uso das distintas plantas, ao tempo que dar ao inmoble unha concepción unitaria que favoreza as sinerxías entre as mesmas, evitando que algunha puidese quedar desocupada por posuír  un menor atractivo comercial.

Un dos cambios máis significativos será que as escaleiras mecánicas chegarán ata a última planta . Ademais, o oco que opera como lucernario interior mantén unhas medidas semellantes nas distintas plantas en lugar de irse reducindo gradualmente.

A planta baixa quedará ocupada polos praceiros actuais e a primeira albergará produtos complementarios a esta. En canto ao segundo e o terceiro andar, están pensados para os sectores de restauración e servizos. Ambas estarán totalmente acondicionadas (a diferencia do que acontecía no documento orixinal) e contarán con grandes aperturas para disfrutar das vistas.

Polo que respecta á cuberta do edificio, reforzouse a súa vocación como uso hostaleiro estacional ao estar deseñada como unha gran terraza de madeira rodeada por unha varanda de vidro que permite contemplar a beleza do entorno. Contará cunha pérgola e cunha zona de barra.

28 de febreiro de 2014 | 12:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.