Riveira impulsa unha campaña para sensibilizar sobre a recollida dos feces caninos da vía pública

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiveira
A-
A+

Consciente de que, ademais dun inconveniente estético, as deposicións dos cans na vía pública son ante todo un problema de saúde, o Concello de Riveira vai  impulsar unha campaña orientada a sensibilizar á poboación acerca da obrigatoriedade de recoller as feces destas animais en rúas, parques, xardíns e demais espazos compartidos por todos.

O edil de Sanidade, Vicente Mariño, foi o encargado de presentar esta campaña, desenvolvida pola súa Concellería, en colaboración coa área municipal de Medio Ambiente, que dirixe Elvira Pereira, e coa empresa Urbaser. Mariño de Bricio recordou que son moitas as enfermidades que se poden evitar recollendo os excrementos das nosas mascotas ao seu debido tempo.

Para concienciar á cidadanía sobre este tema, serán utilizados unha amplísima gama de soportes para resaltar os deberes intrínsecos ao feito de posuír un can.

Así, foron elaboradas medio centenar de bandeirolas de 1,20 metros de alto que serán colocadas no casco urbano; máis dun cento de carteis de PVC en zonas peonís da cidade e nas outras parroquias; arredor de 100 carteis para ser instalados en establecementos hostaleiros e comerciais e 5.000 dípticos que serán repartidos tanto en centros escolares de primaria e secundaria como en dependencias públicas.

Dispensadores de bolsas

Tamén serán distribuídos unhas 200 unidades duns novidosos dispensadores de bolsas que se poden colocar nas correas dos animais (estes poderán ser recollidos tanto na Casa Consistorial como na sede da OMIC).

A campaña complétase con carteis en parques infantís, chapas distribuídas en colexios e no Concello, material adhesivo para báculos das farolas e outros curiosos elementos para ser situados en bordillos de paseos peonís.

Microchips

Vicente Mariño manifestou que nunha fase posterior, a Policía Local efectuará campañas de control de microchips para comprobar que os cans contan con este elemento obrigatorio.

Boa parte da campaña gráfica, baixo o lema “este é un xesto que che honra, ten como protagonista a María e ao seu can Tobi, que tamén estiveron presentes no acto de hoxe e de feito pousaron cun cartel ilustrativo desta acción que foi instalado na praza do Concello.

31 de xaneiro de 2014 | 20:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.